Noticias

Últimos días para solicitar subvencións da Deputación para editar libros e audiovisuais en galego sobre a provincia de Pontevedra

Esta edición inclúe novas achegas para formatos especiais que poderán ascender a 12.000 euros: audiolibros, publicacións para persoas con diversidade cognitiva e en braille


11 agosto 2020
libros

A Deputación de Pontevedra pechará o vindeiro 13 de agosto o prazo de presentación de solicitudes de subvención en concorrencia competitiva para edicións do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico financiadas con 55.000 euros neste ano 2020. Segundo explica a deputada responsable, a nacionalista María Ortega, con estas axudas preténdese apoiar e colaborar na edición en formato papel, audiovisual, mixto ou especial, de traballos en lingua galega considerados "de interese para a permanencia, o recoñecemento e a identidade da cultura galega a través do tempo", concretamente de temas relacionados coa provincia de Pontevedra.

A novidade desta edición é a inclusión de formatos especiais, non contemplados noutros exercicios, de difícil cabida no circuíto das editoriais privadas, que favorezan o acceso universal a contidos de interese para a provincia. Concederanse subvencións segundo os principios de concorrencia competitiva, obxectividade e publicidade, para a edición de monografías, revistas ou calquera outro tipo de documento de interese, en diferentes modalidades e formatos.

Na modalidade de Ficción incluiranse audiovisuais, banda deseñada (traballos que busquen consolidar produtos innovadores de difícil saída comercial ou dedicados a públicos específicos, sempre que o seu contido teña un carácter divulgativo respecto á lingua e á cultura galegas) ou edicións especiais en braille e noutros formatos adaptados. En Non ficción valoraranse as edicións de ensaios e estudos que teñan relación con aspectos da provincia, de persoas ou colectivos relevantes desta que teñan incidencia nela e que traten sobre arquitectura e urbanismo, danza, escultura, música, pintura, literatura, cinema e audiovisual, fotografía, banda deseñada, patrimonio (material e inmaterial), memoria histórica democrática, fomento da igualdade entre xéneros e fomento da normalización da diversidade funcional.

Segundo relata Ortega, como requisitos imprescindibles inclúense a edición exclusivamente en galego, ser de interese municipal, provincial ou comarcal e desenvolverse durante o exercicio 2020. Poderán solicitar estas subvencións as entidades xurídicas, colectivos ou particulares e financiaranse cunha partida de 55.000 euros, con cargo ao Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico.

O importe máximo da subvención para cada edición non poderá exceder o 70 % do orzamento total. No caso de publicacións en papel non superará o importe de 2.000 euros e no caso de edicións en formato audiovisual non excederá o importe de 6.000 euros, igual que para as edicións mixtas. No caso dos formatos especiais de edicións coma publicacións en braille, audiolibros para persoas con diversidade auditiva ou formatos para persoas con diversidade cognitiva non superará o importe de 12.000 euros.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal.