Noticias

Un proxecto de aforro enerxético no alumeado público pasará 200 luminarias a tecnoloxía LED en Barro


08 abril 2021
Barro

O Concello de Barro adheriuse ao proxecto colectivo elaborado pola Deputación de Pontevedra co que se conseguiu unha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) con fondos europeos para actuacións de renovación de alumeado público exterior mediante a substitución das luminarias actuais por luminarias tipo LED.

A tecnoloxía LED é fundamental para avanzar no obxectivo dunha economía baixa en carbono e na transición ecolóxica cara un modelo máis sostible e respectuoso co medio ambiente, posto que a súa eficiencia ten como consecuencia un aforro enerxético do 45% e a conseguinte redución das emisións de CO2.

Esta actuación ten un orzamento de 89.724.28 euros e será financiada nun 80% con fondos FEDER, nun 15% pola Deputación de Pontevedra e nun 5% polo Concello de Barro. As obras darán inicio nas vindeiras semanas e estarán rematadas antes do verán.

As actuacións deste proxecto inclúen o cambio das luminarias conectadas a cinco cadros eléctricos situados ao longo da N-550, cun total de 197 luminarias. Desta forma, pasarán a tecnoloxía LED todas as luminarias desde o Lombo da Maceira ata a entrada do lugar da Maquieira, exceptuando o tramo do Santo Antoniño, posto que irá noutro proxecto distinto.

Ademais, a tecnoloxía LED tamén chegará aos lugares do Coruto, Porráns, Cangrallo e a algunhas luminarias dos lugares do Pazo e Constenla, por seren dependentes de cadros eléctricos situados na N-550.

Esta será a primeira fase de cambio de luminarias en Barro, xa que o Goberno Municipal está traballando nun novo proxecto para cambiar máis de 400 luminarias das tradicionais por luminarias con tecnoloxía LED nas parroquias de Curro e A Portela e no núcleo do Santo Antoniño.