Noticias

Un proxecto de xestión da auga que a Deputación desenvolveu en Baiona é seleccionado entre os 22 mellores proxectos medioambientais europeos


23 feb 2015

O proxecto de xestión da auga WIZ que a Deputación (con financiamento do programa europeo Life e a colaboración do Instituto Tecnolóxico de Galicia) desenvolveu en Baiona foi seleccionado como un dos 22 mellores proxectos medioambientais desenvolvidos en Europa entre os 102 finalistas avaliados en 2014 pola European Commission, Comisión de Medioambiente (DG Environment) da UE. A Deputación recibirá unha placa conmemorativa nunha cerimonia que terá lugar o vindeiro 4 de xuño en Bruxelas.

Unha vez rematado con éxito o programa WIZ de xestión da auga en Baiona,  a Comisión avaliou os seus resultados e resolveu integralo nos 22 mellores proxectos medioambientais desenvolvidos en Europa o ano pasado, dos que sairá o mellor proxecto europeo.

Ferramenta de xestión da auga potable

WIZ é un proxecto europeo desenvolvido pola Deputación e o Instituto Tecnolóxico de Galicia, que lles permite ós xestores, cidadáns e empresas dispoñer de información transparente da xestión da auga potable. O seu obxectivo é propiciar un consumo responsable da auga.

O programa desenvolveu unha ferramenta informática asociada a unha base de datos na que se recollen volumes dos depósitos, volumes dos embalses, consumos a través de sensores de empresas ou fogares, estado das canalizacións ou sumidoiros. Permite proporcionar datos fiables que axuden a adoptar decisións, así como darlles información a usuarios e empresas da situación da auga e da rede.

Coa súa implantación en Baiona, o Concello optimizará o uso da auga e xestionará mellor este recurso, de forma que a subministración será máis segura e controlable, evitará os problemas de seca ou de crecidas, posibilitaralle ó usuario información real e puntual e, entre outros aspectos, controlará o consumo e distribución da auga en liña. En definitiva, WIZ permitiralle ó Concello de Baiona resolver o problema da auga e planificar accións futuras, ó tempo que aforra auga e evita a súa perda ata nun 15 %.

1,5 millóns para un plan similar de saneamento

O programa WIZ está intimamente relacionado con outro programa europeo, SanePlan, que, cun investimento de 1,5 millóns de euros, desenvolve a Deputación para mellorar o sistema de saneamento dos concellos e adaptalo á normativa da UE que entrará en vigor este ano.

En SanePlan participan o Instituto Tecnolóxico de Galicia, a Deputación e a rexión italiana da Toscana.

O obxectivo deste programa é mellorar a xestión do saneamento mediante o desenvolvemento dun sistema de información que integre o saneamento e os seus elementos (tanto redes coma instalacións de depuración) coa planificación urbana, permitindo dimensionar e planificar en función das necesidades actuais e futuras baixo condicionantes de custo, protección do medio, poboación e cambio climático.

Un concello italiano e catro de Pontevedra

SanePlan implantarase en cinco concellos (un na rexión da Toscana, Italia, e catro na provincia de Pontevedra) e busca mellorar a xestión das augas residuais, a calidade das augas de verteduras, a xestión e o deseño das infraestruturas hidráulicas de xeito moderno e eficiente; integrar a xestión da agua na xestión urbanística; protexer o contorno natural e urbano; aforrar custos de enerxía e asegurar o futuro dos recursos hídricos.

A experiencia piloto de SanePlan desenvolverase en Baiona e tres concellos da mancomunidade do Salnés (Cambados, Vilanova de Arousa e Ribadumia) que comparten rede de saneamento e  depuradora.