Noticias

Unanimidade dos grupos da Corporación provincial na constitución da Comisión Técnica que asesorará aos concellos no Plan de acción local fronte á COVID-19

Os tres portavoces asinaron hoxe a constitución do novo órgano que prestará asesoramento aos municipios ante todas as circunstancias derivadas da crise sanitaria


22 maio 2020
Comite COVID-19

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou hoxe o consenso acadado entre todos os grupos con representación na Corporación provincial para a posta en marcha da Comisión Técnica para a Asistencia Municipal, cuxa acta de constitución asinaron hoxe por unanimidade os portavoces do PSdeG-PSOE, Carlos López Font; do BNG, César Mosquera, e do PP, Jorge Cubela, durante a sesión do comité de seguimento da COVID-19. Como destacou Silva, este órgano, no que participan sete funcionarias e sete funcionarios de alto rango da institución , "non é unha comisión exclusivamente do Goberno da Deputación, senón un acordo de toda a Corporación provincial".

Esta comisión, como lembrou a presidenta, ten como obxectivo a elaboración dun Plan de acción local de Loita contra a COVID-19 e con tal fin redactará un documento que "se converterá nun gran pacto local" e que recollerá todas as medidas e estratexias que se realizarán en cada un dos ámbitos de competencia municipal que se poidan ver afectados pola crise sanitaria. Deste xeito, a nova comisión prestará asesoramento aos concellos da provincia en cuestións como posibles modificacións orzamentarias, solicitude ou modificacións de subvencións, clarificación de competencias municipais e tamén, como apuntou a presidenta, "en como se actuará nun momento como este en ámbitos como os cemiterios, a limpeza viaria, limpeza de edificios públicos, nas feiras, mercados de abastos, lonxas, comercio ambulante, en cuestións como o tratamento da materia impositiva, con parques públicos, con xardíns, coa mobilidade, e con praias entre outras".

A presidenta indicou que as persoas integrantes da comisión xa están a preparar toda a documentación para "facer propostas concretas sobre cada unha desas cuestións nas que van a asesorar aos concellos da provincia de Pontevedra".

Cancelación de programas

Doutra banda, o comité de seguimento da COVID-19 tamén acordou por unanimidade de todos os grupos políticos, baixo o criterio da prudencia e atendendo aos informes técnicos e sanitarios que se teñen realizado sobre cada un dos programas que desenvolve a Deputación, a cancelación de varias das iniciativas previstas para este ano ante a inviabilidade de poder desenvolvelas nas actuais circunstancias. "É unha decisión rigorosa, baseada en análises técnicos e sanitarios, que non supón que non vaiamos facer outras cousas", afirmou Silva.

Como explicou a presidenta, "hai un acordo de todos as persoas integrantes da comisión para facer isto, porque é fundamental ter cautela e que a saúde sexa o centro de todas as decisións", especialmente, como destacou, cando os estudos de prevalencia amosan que o coronavirus tivo unha baixa circulación en Galicia e na provincia, "debido a que o 13 de marzo se tomou a decisión de declarar o estado de alarma", polo que "temos unha baixísima inmunidade e temos que ser aínda máis cautelosos" ante a posibilidade de novos rebrotes. Afirmou que estes programas das áreas sociais, mocidade, igualdade e deportes se retomarán no 2021 "coas actuais características se as circunstancias son de normalidade e, se non, os modificaremos para responder á nova realidade". En concreto, os cancelados este ano son Tecendo lazos, Depotermal, Depo en marcha, En ruta coa Depo, Depo Aventura A Lanzada, DepoDesafío, Depo andainas, os campamentos polideportivos e Conectadas.

Carmela Silva, sinalou, que moitos destes proxectos estaban dirixidos a poboación considerada de risco polas autoridades sanitarias, como as persoas maiores, ou os locais onde se desenvolvían estes programas, na súa maioría ligados a asociacións de todo tipo da provincia, "non poden cumprir coa obriga de manter o distanciamento físico". Ademais, outras actividades estaban dirixidas a grupos amplos que incumpren as capacidades establecidas coa nova normalidade "e a súa redución racharía total e absolutamente co espírito dos programas". E a todo isto únese a imposibilidade, como sinalou a presidenta, de realizar todas as citadas actividades por medios telemáticos ou en liña.

Noutros casos, engadiu a presidenta, os colectivos sociais aos que van dirixidos poderían ter dificultades para garantir cuestións como a limpeza dos locais, a súa desinfección e tamén a dotación de material de protección para as persoas participantes. E outros programas incluían visitas a museos e equipamentos culturais, turísticos ou de hostalería, que van ver reducido o número de visitantes e clientes, "polo que sería imposible cubrir a demanda dos e das participantes". No caso concreto dos campamentos infantís da Lanzada, resultaba inviable a asistencia do mesmo número de nenas e nenos das edicións anteriores e garantir as actividades paralelas, como excursións ou desprazamentos ás praias, e "a separación física nas zonas comúns, tanto de pernoitas como alimentación, sería imposible de garantir nos espazos que se desenvolve".

Esta suspensión suporá a reorientación de todas as actividades e programas propios da Deputación de Pontevedra, que se incluirá nunha modificación dos orzamentos prevista para o mes de xullo. "Isto significa -aclarou Carmela Silva- que non faremos estes programas pero daremos outros vinculados ás areas de igualdade, deporte,  medio ambiente ou lecer e que sen dúbida van ser distintos".

Audios

  • Audio