Unha vintena de confrarías de 17 concellos da provincia beneficiaranse das achegas da deputación

A institución provincial destina a estas axudas, que teñen como obxectivo o apoio e aposta polo sector primario, un investimento de preto de 250.000€

18/09/2022

Xunta de Goberno  

O Goberno da Deputación vén de dar luz verde ás subvencións dirixidas ás confrarías da provincia como aposta polo sector primario e nas que a institución inviste un orzamento de case 250.000 euros. Estas achegas beneficiarán neste 2022 a 19 confrarías de 17 concellos, en concreto radicadas en Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, Sanxenxo, Soutomaior, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova de Arousa. Entre outras cuestións, as entidades destinarán estas axudas á adquisición de vehículos, material informático, distintos equipamentos necesarios para a súa actividade e investimentos para aforro enerxético ou videovixilancia.

A Deputación facilita con estas achegas que estas entidades poidan afrontar cuestións como a comercialización e a valoración de producións; o desenvolvemento de accións de formación técnica entre as súas persoas asociadas; o uso das novas tecnoloxías e das enerxías renovables e o aforro enerxético así como a súa divulgación ou a adquisición de material para a vixilancia. Amais, tamén poden costear investimentos para a mellora dos servizos, en construcións, equipos, elementos de transporte, instalacións, reparacións e mantemento dos locais e as lonxas. E tamén contemplan o financiamento de equipamentos e sistemas informáticos, mobiliario e outros investimentos que sirvan para mellorar os servizos que prestan estas entidades. Nas bases puntúase, entre outras cuestións, a porcentaxe de mulleres que integran os órganos reitores das entidades solicitantes ou os investimentos en proxectos innovadores.

Na comarca do Salnés recibirán achegas seis entidades. A Confraría San Antonio de Cambados financiará equipos para lonxa, confraría e vixilancia, mentres que no Grove, a Confraría San Martín a posta en marcha dun sistema de videovixilancia, compra de ordenadores e cámaras frigoríficas e a Confraría San Xulián da Illa de Arousa para adquisición de ordenadores. Por outra banda, en Sanxenxo, a Confraría San Roque de Portonovo destinará a achega á adquisición de ordenadores e periféricos, reparación de portais e outras; en Vilagarcía, a Confraría Virgen del Rosario de Vilaxoán a adquisición dun vehículo e, en Vilanova, a Confraría de Pescadores La Pastoriza a financiar a compra dun vehículo, material de vixilancia e outros equipos.

No que atinxe á comarca de Pontevedra, a Confraría San Gregorio de Raxó, en Poio, poderá realizar investimentos en aforro enerxético e en diferentes equipamentos, mentres que aConfraría San Andrés de Lourizán ( Pontevedra) destinará a súa achega á reparación da cuberta do Edificio Social e adquisicións varias. A Confraría Pedra da Oliveira de Vilaboa dedicará a partida á adquisición de material de vixilancia e de aforro enerxético.

Na comarca de Vigo, a Confraría La Anunciada de Baiona destinará a súa achega á adquisición de material de vixilancia, ordenadores, mobiliario e reparación de lancha. En Redondela a Confraría de San Juan poderá costear material de vixilancia, ordenadores e software da plataforma Xesmar e, en Soutomaior, serán dúas as entidades beneficiadas: a Confraría Virgen del Carmen poderá comprar de material de vixilancia e gastos para mellora de servizos e a Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra destinará a partida á celebración de xornadas formativas sobre tramitacións electrónicas. Amais, en Vigo, a Confraría San Francisco financiará adquisicións varias e a reparación dun pantalán.

Por outra banda, na comarca do Morrazo, a Confraría San Martiño de Bueu poderá realizar melloras no carro varadeiro e para a adquisición de caixas de peixe reutilizables. En Cangas, a Confraría San José abordará investimentos varios na confraría e a lonxa do concello, mentres que a Confraría San Cipriano de Aldán (Hío) adquirirá dun vehículo entre outras cuestións, e en Moaña, a Confraría San Martín ordenadores e outras compras.

Por último, na comarca do Baixo Miño, a Confraría Santa Tecla da Guarda financiará a adquisición de caixas de peixe e percebe, así como a posta en marcha do SAI, antivirus e disco SSD.