Noticias

Unha vintena de mozas e mozos terán un contrato en prácticas en ONG da provincia co programa "O teu primeiro emprego"

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou a selección das 17 entidades colaboradoras e a aprobación das bases das contratacións


09 agosto 2019
Carmela Silva

Unha vintena de mozas e mozos traballarán en organizacións non gobernamentais da provincia de Pontevedra grazas ao programa de fomento da empregabilidade "O teu primeiro emprego", co que a Deputación de Pontevedra busca facilitar que a mocidade con título universitario ou de FP "poida acceder a un primeiro emprego cun contrato en prácticas e, polo tanto, non teña que emigrar, como tristemente segue a acontecer coa poboación nova", como sinalou a súa presidenta, Carmela Silva.

Silva anunciou hoxe a aprobación, en Xunta de Goberno, das 17 entidades colaboradoras seleccionadas (ao programa presentáranse un total de trinta) para participar no programa, así como das bases que rexerán agora as contratacións doutras tantas persoas beneficiarias. As ONG participantes desenvolven a súa actividade en Vigo (6), A Guarda (2), Pontevedra, O Porriño, Ponteareas, Nigrán, Vilagarcía de Arousa, Redondela, Tomiño, Cangas e Moaña.

Dos 17 contratos previstos, 12 serán para persoas con titulación universitaria e os 5 restantes para persoas tituladas en ciclos superiores de formación profesional. No primeiro caso, os perfís que se seleccionarán son de persoas diplomadas ou graduadas en Logopedia, Educación Social, Psicoloxía, Terapia Ocupacional, Fisioterapia e Educación Primaria, mentres que nos ciclos superiores de FP as prácticas están dirixidas a persoas tituladas en Animación Sociocultural e Turística, Administración e Finanzas, Mediación Comunicativa e Integración Social. "As entidades seleccionadas prestan servizos para mellorar a situación das persoas que teñen máis vulnerabilidade", indicou Silva, quen tamén referiu que as axudas da Deputación neste programa das ONG suman 100.000 euros.

Como lembrou a presidenta, a Deputación de Pontevedra puxo en marcha este ano o plan "O teu primeiro emprego", que substitúe as bolsas do antigo "Plan de práctica laboral" por contratos en prácticas con máis garantías e dereitos, e que se estrutura en catro programas independentes: O teu primeiro emprego na Deputación de Pontevedra; O teu primeiro emprego nos concellos (de menos de 50.000 habitantes); O teu primeiro emprego nas empresas e corporacións sectoriais e O teu primeiro emprego en organizacións non gobernamentais. A presidenta indicou que, no primeiro caso, xa hai 33 contratos coas prazas xa concedidas e cuxas persoas beneficiarias están a traballar na institución provincial, mentres que as 44 tituladas e titulados do programa nos concellos están en fase de contratación e os municipios teñen de prazo ata setembro. Por outra banda, estanse a ponderar as máis de 200 solicitudes recibidas no programa coas empresas e corporacións.