Noticias

Valença acollerá o "I Forum do Río Miño Transfronteirizo" para debater sobre o futuro do territorio

O deputado Uxío Benítez explicou que este encontro "marcará as liñas de actuación en materia de cooperación para a próxima década"


12 xuño 2018
I Forum do Río Miño Transfronteirizo

A Escola Superior de Ciências Empresariais-IPVC de Valença (Portugal), acollerá o vindeiro 21 de xuño a celebración do I Forum do Río Miño Transfronteirizo, un espazo onde se darán a coñecer e debatirán os primeiros estudos preliminares para elaborar unha estratexia de cooperación intelixente entre o sur da provincia de Pontevedra e o norte de Portugal, na que xa se leva traballando desde hai meses no marco do proxecto Smart Miño. Así o explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez, nun acto celebrado esta mañá en Valença, no que estivo acompañado polo presidente da câmara municipal de Valença, Jorge Mendes, e o director da Fundación Centro de Estudos Euro Rexionais (FCEER), Valerià Paül Carril.

Segundo indicou Benítez, o I Fórum do Río Miño Transfronteirizo será un paso máis e de grande importancia dentro da elaboración da "Estratexia de Cooperación Intelixente do Río Miño Transfronteirizo", un documento que "establecerá os eixos xerais e obxectivos específicos para un desenvolvemento conxunto baseado na utilización e posta en valor dos recursos endóxenos, e na cooperación intelixente entre actores institucionais e sociais de ambas beiras do rio".

O deputado provincial destacou que ata data "existían moitos estudos estratéxicos en ambas marxes do río pero esta é a primeira vez na que se realiza unha análise e diagnose profunda sobre as necesidades e potencialidades desta área xeográfica entendendo o Miño como a columna que vertebra este territorio e non como un elemento que o separa" polo que este é un documento "histórico que marcará as liñas de actuación en materia de cooperación no territorio para a próxima década ".

O nacionalista explicou que o documento da estratexia comezou a elaborarse o pasado outono por parte dunha equipa de científicas e científicos expertos nesta materia e xunto co traballo da Fundación Centro de Estudos Euro Rexionais, que coordina investigación dentro do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Smart Minho do que son socios xunto coa Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho. Ata a data xa se procurou información mediante a búsqueda de documentación previa e reunións con todas as persoas dirixentes das câmaras e municipios de ambas marxes do río, coa que se elaborou un documento base que será presentado e sometido a debate o día 21 no foro.

Non obstante, Benítez insistiu en que o foro é o espazo no que "queremos dar voz a todo o tecido social e económino do territorio, escoitar propostas, ideas e análises desde a sociedade civil", e que a participación cidadá é fundamental para elaborar e seguir a elaborar o documento "desde abaixo e de xeito que se recollan todas as inquedanzas da sociedade civil". Deste xeito convidou ás persoas integrantes de colectivos e asociacións, entidades e organizacións, empresas e autónomos, ou a calquera persoa física ou xurídica con relación ao territorio do Miño a que participen activamente do foro para que o debate sexa o máis plural posible.

Nesta mesma cuestión incidiu o director da Fundación Centro de Estudos Euro Rexionais, (FCEER), Valerià Paül Carril, quen recoñeceu que a pesar do riguroso traballo realizado polas seis universidades que abrangue a FCEER e o traballo realizado polos expertos e expertas, a participación cidadá é indispensable para a elaboración deste documento estratéxico. Por esta razón xunto coa realización doutros encontros tamén está prevista a posta en marcha de novos procesos participativos a través da rede e da páxina web www.smartminho.eu.

O I Forum está estruturado en dous bloques, un primeiro no que se darán a coñecer os resultados das investigacións feitas ata agora e que, segundo o director da FCEER, Valerià Paül Carril, "desvelarán e demostrarán con datos feitos sorprendentes" e un segundo bloque ou panel, "o máis importante", no que se tratarán catro eixos temáticos: "os sectores produtivos", "a gobernanza no territorio transfronteirizo", "a mobilidade, os servizos e o turismo sustentable" e por último "cultura e comercio tradicional".

Equipa científica

Unha prestixiosa equipa de científicos e científicas vinculados son as persoas encargadas de realizar "o primeiro estudo en profundidade sobre as fortalezas, debilidades e complementariedades do territorio conxunto galego e portugués con vistas ao deseño do desenvolvemento estratéxico que permita poñer en valor os seus recursos comúns".

O comité de expertos e expertas estará formado por nomes tan relevantes como o do catedrático Rubén C. Lois (da Universidade de Santiago de Compostela), o catedrático José Rio Fernandes (da Universidade do Porto), o profesor Francisco Carballo Cruz (da Universidade do Minho), o profesor Xavier Martínez Cobas (da Universidade de Vigo), a profesora e experta Sandrina Antunes (da Universidade do Minho), ou o profesor Anxo Calvo (da Universidade da Coruña).

Aberto o prazo de inscricións e horizonte post 2020

O director da AECT Río Minho, Uxío Benítez indicou tamén a relevancia deste documento á hora de optar a novos financiamentos a través de candidaturas aos Fondos Europeos de Desenvolvemento (FEDER) no horizonte post 2020.

As inscricións son de balde e pódense cursar a través da páxina web www.smartminho.eu ata o vindeiro 20 de xuño.

Smart Minho está cofinanciado ao 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 e conta cun orzamento total de 942.022,47 euros.