A Deputación intercambia coñecemento con Gipuzkoa sobre mobilidade sustentable interesándose polos seus máis de 400 kilómetros de “bidegorris”

O vicepresidente César Mosquera e os deputados de Mobilidade Uxío Benítez e Greorio Agís reuníronse hoxe coa deputada Rafaela Romero, á que presentaron o ‘Modelo Ágora’ de recuperación de espazo público

16/09/2022

Guipuzkoa

A Deputación de Pontevedra puxo hoxe punto e final á súa ‘Viaxe Ágora’ de intercambio de coñecemento sobre mobilidade sustentable por Logroño, Bilbao e Donosti cunha visita á Deputación de Gipuzkoa. Na reunión, os representantes pontevedreses amosaron grande interese pola rede de máis de 400 kilómetros de vías ciclables existentes na provincia -coñecidas como ‘bidegorris’-, o seu modelo de construción e mantemento, co fin de poder extrapolar as súas vantaxes ao territorio pontevedrés.

No encontro participaron o vicepresidente  César Mosquera e os deputados de Mobilidade Uxío Benítez e de Infraestruturas Gregorio Agís, acompañados de persoal técnico do departamento de Mobilidade provincial, xunto a Rafaela Romero, deputada de Mobilidade e Ordenación do Territorio, Ander Iturri,director de Mobilidade, e Miguel Ángel Crespo, director de Ordenación da Deputación Foral.

Entre as cuestións que estiveron sobre a mesa falouse da política de subvencións da Deputación gipuzkoana para planeamento, recuperación de espazos e urbanismo de xénero nos concellos, o transporte público, así como sobre a política de mobilidade ciclista para a que a institución vasca inviste unha media de 5 millóns de euros anuais. Nestes momentos no territorio histórico vasco existe unha rede de 404 kilómetros construídos -tamén de uso peonil- que se ampliarán noutros noutros 204 kilómetros en función do seu PTS (Plan Territorial Sectorial) que data de 2013 e está a ser revisado.

Segundo subliñou a deputada Romero, o uso da bicicleta ten subido un 60% uso durante a pandemia, sobre todo para uso cotiá e agora para esparcemento. Explicou tamén que as sendas están deseñadas nalgúns casos de maneira paralela ás vías provinciais, de maneira segregada, e outras individuais, con trazado propio ou recuperando vellas infraestruturas en desuso cando xorden alternativas para mobilidade motorizada -variantes de estradas-. Coñeceuse, así mesmo, que un deses bidegorris interurbanos da Deputación foi premiado pola Unión Europeo.

Romero destacou o importante intercambio que se produciu entre ambas deputacións. “Intercambiamos apostas que teñen un obxectivo común, a transformación dos territorios para recuperar espazos públicos para a xente e unha mobilidade que atenda a toda a xente. O obxectivo é social, para todas as persoas. Compartimos pequenas grandes actuacións que cambian a vida da xente”, indicou.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez salientou, pola súa banda, o intercambio para “poder aprender”. “É moi interesante sobre todo para nós o avanzados que están en Gipuzkoa no eido da mobilidade ciclable, máis alá do transporte. Para nós vai ser unha referencia”. Gregorio Agís tamén sinalou que a mañá foi frutífera e salientou que a comitiva recolleu coñecemento que sen dúbida se aplicará en Pontevedra, nas vías e política de mobilidade. Tamén sinalou que “nos gustaría que o modelo de transporte de Gipuzkoa, infinitamente mellor que o da Xunta, se implantase no noso territorio polas consecuencias que ten en canto á mobilidade amable e que as persoas independentemente dos seus recursos, poidan moverse no territorio”.

Logo da reunión técnica, a comitiva pontevedresa visitou o centro de control do transporte urbano da Deputación Foral, e finalmente acudiu á zona de Pasaialdea e Trintxerpe, coñecida como a quinta provincia galega pola súa moita poboación de orixe no país, sobre todo da zona de Marín e Poio, na que se fixeron actuacións de reforma e recuperación de espazo público.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.