A Deputación viaxa a Logroño, Bilbao e Donostia para divulgar o ‘Modelo Ágora’ e intercambiar ‘know how’ coas deputacións de Bizkaia e Guipuzkoa

A ‘delegación Ágora’ estará formada polo vicepresidente César Mosquera, os deputados Uxío Benítez e Gregorio Agís, así como por persoal técnico provincial

12/09/2022

Unha delegación da Deputación de Pontevedra viaxará esta semana a Logroño, Bilbao e Donostia para dar a coñecer o ‘Modelo Ágora’ de recuperación do espazo público e intercambiar coñecemento coas deputacións de Bizkaia e Guipuzkoa. Na viaxe participarán o vicepresidente César Mosquera, os deputados Uxío Benítez e Gregorio Agís, así como o director de Mobilidade e Infraestruturas Daniel Romay e o asesor Jesús Fole.

A primeira parada realizarase no Concello de Logroño, administración que ten amosado un grande interese polo traballo da Deputación de Pontevedra, e que incluso matriculou persoal técnico municipal na pasada edición da Facultade Ágora para que se formasen na filosofía que está a desenvolver o departamento de Mobilidade pontevedrés.

O vindeiro mércores, o deputado Uxío Benítez explicará polo miúdo nunha sesión técnica, o traballo que está a desenvolver a Deputación coa Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público. A seguir, xa para un público especializado (persoal técnico e xestor público urbano con cualificación alta en materia de mobilidade), o vicepresidente César Mosquera impartirá un seminario intensivo titulado ‘Elementos básico do comportamento do tráfico urbano’, organizado como unha actividade específica da Facultade Ágora.

Como requisito previo, as persoas asistentes tiveron que ter dado lectura ás publicacións da Deputación ‘Outra mobilidade, outra cidade’, a ‘Guía básica de mobilidade amable e espazos públicos’, ‘Primeiro a cidade: a mobilidade en Pontevedra 1999-2019’, os principios da Rede de cidades que camiñan e o decálogo ÁGORA, ou documentos análogos.

A segunda xornada, na Deputación de Bizkaia, será de intercambio de coñecemento. Os representantes pontevedreses exporán o traballo da Rede Ágora e tamén do departamento de Infraestruturas. Pola parte vasca, recibirán á comitiva pontevedresa o deputado de Mobilidade Miguel Ángel Gómez e integrantes da súa equipa, que falarán de todo o relacionado coa cultura da mobilidade sustentable e o impulso á mobilidade ciclable (en concreto o servizo de bicicleta pública BizkaiaBizi) que están a desenvolver na deputación foral. Acto seguido a delegación pontevedresa terá unha reunión cos representantes do departamento de Infraestruturas, os directores xerais Gorka Estébez e Jon Larrea.

Finalmente, o último día da viaxe a parada será en San Sebastián, onde as reunións técnicas serán co departamento de Mobilidade da Deputación de Guipuzkoa. O esquema de traballo será o mesmo que en Bizkaia. Nesta ocasión a recepción será por parte da deputada Rafaela Romero, e polos directores xerais de Moblidade e Ordenación Ander Iturri Torrea e Miguel Ángel Crespo.