Noticias

Vigo acollerá en outubro seis novas accións formativas do programa SmartPeme

Están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades


30 setembro 2019
Smartpeme

A Deputación de Pontevedra programou para este mes de outubro seis novas accións formativas do programa SmartPeme que comezan mañá en Vigo. Estas sesións están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes, co obxectivo de aumentar a súa competitividade. Deste xeito, SmartPeme oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man das propias implicadas e implicados e coa colaboración das asociacións de empresarias e empresarios e de mozas e mozos autónomos.

Así, os cursos que se impartirán desde o 1 ata o 29 de outubro serán os seguintes: Vídeo co teu Smartphone: Crea, Grava e Edita coma un Profesional, que se desenvolverá o martes 1 de outubro, de 18 a 21 horas; Desenvolve a túa Propia Estratexia de E-mail Marketing, que será o martes 8 de outubro, de 19 a 21 horas; Crea unha Campaña de E-mail Marketing con MailChimp, programado para o martes 15 de outubro, entre as 19 e as 21 horas; Social Media Listening: o que se di de ti en Internet, que se realizará o martes 22, entre as 19 e as 21 horas; Motores de Reservas para Empresas Turísticas, o xoves 24 de outubro, de 17 a 19 horas; e, finalmente, Optimiza a túa Páxina de Facebook, que será o martes 29 de outubro, de 18 a 21 horas.

Estes obradoiros serán impartidos na Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo (rúa Oporto, núm. 3). As inscricións para tomar parte nas accións formativas pódense facer a través número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal. Ademais, o programa formativo SmartPeme estrea Twitter (@smartpeme) e Facebook (SmartPeme).