A Deputación leva a Vigo a exposición “A casa de Galicia.50 anos da Casa de Rosalía” da man da Fundación Rosalía

A mostra a ceo aberto estará a disposición do público dende o 6 ata o 20 de xullo na Farola de Urzáiz

01/07/2022

Expo Rosalía Vigo

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Lingua e en colaboración coa Fundación Rosalía, vai levar a Vigo a exposición ‘A casa de Galicia.50 anos da Casa de Rosalía’, unha mostra na que se repasa a historia do museo rosaliano e lembra o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar a casa da escritora grazas á colaboración de milleiros de persoas.
A mostra, que se poderá visitar dende o vindeiro mércores día 6 ata o día 20 de xullo na Farola de Urzáiz, a carón do Marco, está comisariada por Pepe Barro, tamén autor da museoloxía da Casa-Museo. Na inauguración estarán a presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva, a deputada de Lingua María Ortega e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, así como o alcalde vigués Abel Caballero.
A mostra fai un repaso pola historia da Casa-Museo que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo, grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, convertérase antes en refuxio do galeguismo con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Nin sequera o franquismo puido facerlle fronte á vontade popular de recuperar a Casa.
Daquela participaran centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 70 concellos, varios bancos, equipos de fútbol e innumerables asociacións de todo o país.
Ademais da inauguración da exposición na rúa, que será ás 19 horas do mércores día 6, a xornada complementarase despois ás 19.30 na sala Rosalía de Castro da sede da Deputación coa conferencia de Anxo Angueira ‘A Casa de Rosalía e Vigo’, e un concerto de Su Garrido. Entrada libre ata completar capacidade.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.