A oficina de turismo de Vilagarcía renova a súa imaxe baixo o paraugas da Rede Info Rías Baixas

Case 11.800 persoas pasaron polo punto de  información arousán no que vai de ano, constatando o pulo do turismo na comarca

24/08/2022

Oficina Vilagarcía de Arousa

A oficina de turismo de Vilagarcía lucirá un novo aspecto ao adaptar as súas instalacións a imaxe da Rede Info Rías Baixas da Deputación de Pontevedra, á que se adheriu neste 2022. Nas próximas semanas colocaranse elementos como placas, bandeiras ou pezas coas que integrará o seu aspecto co do resto de oficinas da rede provincial. Así o anunciaron a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, e o concelleiro de Turismo de Vilagarcía, Álvaro Carou, que tamén puxeron en valor o pulo que está a ter a oficina dende a súa incorporación á Rede Info Rías Baixas, con 11.774 visitantes no que vai de ano.

Ademais, prevese que o punto de información vilagarciá pase a formar parte da segunda fase do proxecto europeo “Tourist Inside”, co que a Deputación está a dixitalizar todas as oficinas da súa rede. Esta aposta polas novas tecnoloxías estase a traducir coa dotación de  pantallas táctiles ou tótems interactivos que ofrecen información do destino Pontevedra provincia ou outros como impresoras braille ou bucles magnéticos que permiten unha maior accesibilidade dos servizos ofrecidos nas oficinas a persoas con dificultades de visión e/ou auditivas. A outra vantaxe para Vilagarcía é a posta a disposición de todo o material informativo e promocional da provincia e da comarca que edita a Deputación.

A Rede Info Rías Baixas é un modelo de éxito que conta con 33 oficinas espalladas por toda a provincia de Pontevedra. Foi creada hai catro anos pola Deputación de Pontevedra para garantir un servizo de atención de calidade nas oficinas de turismo da provincia, ás que dota de máis medios, de novas tecnoloxías e dunha imaxe unificada a fin de mellorar o grao de satisfacción dos e das visitantes.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 13 resultados.