Noticias

Vilagarcía de Arousa será este xoves protagonista na xira da Deputación para presentar o libro "Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo"

Os centros de Secundaria e FP da provincia comezarán, a próxima semana, a recibir exemplares desta obra para incorporalos como ferramenta de debate e reflexión nas aulas


12 xaneiro 2019
Vilagarcía de Arousa
Presentación Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo

Vilagarcía de Arousa acollerá este próximo xoves a presentación do libro Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo, obra publicada pola editorial Galaxia froito da iniciativa da Deputación de Pontevedra. Coa coordinación da escritora Inma López Silva, o libro recompila as reflexións e vivencias de oito mulleres que traballan en distintos eidos sobre a histórica xornada do pasado 8 M e sobre as súas propias experiencias de ser muller nunha sociedade machista. O acto de presentación terá lugar no Salón de Plenos do Concello, ás 20 horas, e será de afluencia libre ata completar aforo.

Oito olladas sobre a folga feminista é unha obra colectiva que está xa colleitando un notable éxito e xa vai pola súa segunda edición. Para dala a coñecer entre a cidadanía, a institución provincial está realizando ademais unha xira de presentación por toda a provincia. Tras o seu paso por Vigo e Pontevedra, esta semana chega a Vilagarcía de Arousa e logo a xira seguirá por Redondela, Baiona, Salceda de Caselas, Ponteareas e Bueu.

O libro está coordinado pola escritora Inma López Silva, de quen partiu a idea de contactar con oito mulleres galegas que traballan en distintos eidos para plasmar as súas experiencias arredor da histórica xornada do 8 de marzo. As mulleres que ofrecen as súas olladas, vivencias e reflexións nesta obra colectiva son: a propia López Silva, a xuíza Paz Filgueira, a matrona Susana Iglesias, a xornalista Susana Pedreira, a profesora e fotógrafa Ana Fresco, a funcionaria Sarai González, a estudante Sandra Núñez e a libreira Mercedes Corbillón. Todas elas amosan experiencias moi similares, case idénticas, e relatan de xeito sincero a experiencia de ser muller nunha sociedade machista.

Para continuar coa divulgación desta obra por toda a provincia, a Deputación de Pontevedra pretende tamén que chegue especialmente aos mozos e mozas, e por iso, esta semana vai comezar a distribución de exemplares de Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo en 109 centros educativos de Secundaria e de FP da provincia. O obxectivo é que incorporen o libro ás súas bibliotecas e que tamén o usen como ferramenta de debate e reflexión nas aulas. Preténdese así que a mocidade coñeza de primeira man testemuñas reais de oito mulleres de diversos eidos que reflexionan sobre as reivindicacións feministas e sobre as súas vivencias como mulleres. A institución provincial mantén así o seu firme compromiso coa igualdade, tamén no ámbito da educación, pretendendo que o alumnado da provincia dispoña dunha ferramenta máis para a reflexión e a aprendizaxe.