Vilagarcía transforma a rúa Sobrán nunha vía humanizada e con servizos do século XXI ao abeiro do Plan Concellos da Deputación

Carmela Silva: “Esta é unha obra que cumpre co modelo transformador que estamos a promover, que dá prioridade ás persoas e tamén un modelo de embelecemento para vivir coa maior calidade urbana”

20/07/2022

Rúa sobrán obras

A  rúa Sobrán de Vilagarcía está en pleno proceso de transformación para converterse nunha vía humanizada de plataforma única, con servizos e estética renovados, acorde das esixencias de mobilidade e seguridade no século XXI que promoven a Deputación de Pontevedra e o Concello. A achega dun investimento de 600.000 euros da administración provincial vai permitir responder a unha demanda histórica da veciñanza para abordar un dos proxectos máis ambiciosos neste mandato para o goberno local, cuxas obras visitaron hoxe  Carmela Silva, e o alcalde Alberto Varela. “En breve teremos unha vía que será un orgullo para a cidade de Vilagarcía, que está a experimentar unha transformación histórica e é un espello do que queremos ser”, destacou a presidenta provincial.

Neste senso, Carmela Silva incidiu en que o proxecto desenvolvido polo Concello cumpre todos os parámetros do modelo promovido desde a Deputación desde hai sete anos cun compromiso firme para facilitar a modernización dos municipios e que está permitindo “transformar a provincia como non se vira antes”. “A humanización desta rúa cumpre con ese  modelo transformador –subliñou-, amais está nunha contorna con elementos patrimoniais de valor histórico para o concello e o que estamos é mellorando a calidade de vida da xente dun xeito histórico. E é un proxecto que ten moito que ver co deseño da Vilagarcía que o alcalde e o seu equipo levan desenvolvendo desde que comezaron a gobernar, baseado na recuperación  do espazo publico e en  permitir que as persoas sexan o centro desa ocupación”.

Amais desa prioridade para as persoas, destacou así mesmo “o modelo de embelecemento” que tamén supón esta obra, “a través da mirada de que a xente ten que vivir coa maior calidade urbana”. A este respecto, incidiu na calidade dos materiais que se empregarán na zona dos elementos patrimoniais e tamén na renovación completa dos servizos e da iluminación que supón a actuación, “que amais son respectuosos co medio ambiente, unha obriga no século XXI”.

Pola súa banda, o alcalde, Alberto Varela, puxo o énfase en que o compromiso inversor que está a amosar a Deputación, “non ten comparación con outras administracións” e louvou de xeito especial o Plan Concellos, “que nos da liberdade aos municipios para decidir cales son os principais investimentos”, amais de lembrar a consecución de fondos provinciais do Plan ReacPon para financiar a biblioteca e do Plan Ágora. Xa neste proxecto en concreto, Varela apuntou que “as tripas da cidade necesitan unha renovación completa” e a renovación do saneamento e abastecemento estase a desenvolver dun xeito paulatino, de xeito que a rúa Sobrán era unha das máis urxentes “e moi demandada pola veciñanza”. Apuntou que o estado dos servizos obrigaba a realizar continuas reparacións e este investimento de máis de medio millón de euros vai na súa maior parte encamiñado a resolver “este problema histórico” no eido subterráneo.

As obras, que se prevé que estean rematadas antes de finais de ano, desenvólvense nun treito de medio quilómetro da rúa, nunha superficie de 4.000 metros cadrados na que se disporá, trala renovación dos servizos de abastecemento e saneamento, unha plataforma única, con prioridade para as persoas e un deseño que coidará especialmente a estética, como engadiu Varela, no pavimento, debido á presenza de elementos patrimoniais como a igrexa de San Martiño e o Pazo de Sobrán. Tralas obras, implantarase a velocidade máxima de circulación de 20 quilómetros por hora para garantir a seguridade das persoas e “porque a mobilidade sostible é o que pide o planeta; hoxe que falamos dos incendios hai que lembrar que pequenos xestos como cambiar a mobilidade das cidades vai influír moito”. 

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.