Noticias

Vilanova de Arousa recibe preto de 27.000 euros do Plan Concellos para a realización de dúas novas actuacións na vila

O grao de adxudicación do Plan Concellos 2018 a Vilanova de Arousa sitúase nun 23 %, representando un investimento na vila de 296.231,7 €


26 xuño 2018
Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra aprobou, mediante sendas resolucións presidenciais, dúas axudas ao Concello de Vilanova de Arousa por un valor total de 26.954,94 € ao abeiro do Plan Concellos 2018. Trátase, nesta quenda, das seguintes actuacións: 14.294,94 € para o subministro de cadeiras para eventos e 12.660 € para o equipamento do ximnasio do multiusos. As dúas actuacións atópanse enmarcadas na liña 1, a de Investimentos, do Plan Concellos 2018.

Ademais destas cantidades, o Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o concello. En concreto, 30.000 euros na liña 1 para a compra de terreos no Terrón. Na liña 2, a Deputación de Pontevedra adxudicou 70.896,82 € para financiar a festa do Momo, a actuación musical de verán na festa do mexillón e berberecho e as sonatas de verán. E tamén, outros 168.379,94 € foron destinados á contratación de 16 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 do Plan Concellos 2018.

Ata este momento, o Plan Concellos 2018 xa entregou 296.231,7 € do total destinado a Vilanova de Arousa, isto é, o 23 %.