“Violencia Zero” chega ao concello de Covelo coa representación de “Costuras”

A obra da artista Andrea Valle busca dar visibilidade e tratar “sen tabús” a dor que provoca violencia de xénero

05/10/2022

VIOLENCIA ZERO COVELO

A Deputación de Pontevedra continúa a espallar o programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” por toda a provincia, nesta ocasión cunha acción protagonizada pola artista lucense Andrea Valle e co acompañamento musical da violinista Elena Fernández. Á representación que tivo lugar esta mañá no Auditorio Municipal de Covelo, asistiu á deputada provincial, Ana Mejías, e o alcalde Juan Pablo Castillo, xunto a un grupo de alumnas e alumnos de primaria do CEIP Antonio Blanco Rodríguez, que participaron activamente nunha dinámica moi pedagóxica e interactiva para a rapazada.

“Costuras” trata sobre os males, as dores do corazón e todo aquelo que nos afecta de maneira persoal. “Hai males que non teñen cura e só podemos remendalos, coselos e esquecelos”. Este recital fala de como unha persoa se rompe, como transita de maneira diferente pola dor e como, finalmente, se asume a situación, ponse en perspectiva e acaba por superarse. Desde o feminismo esta representación relaciónase coa aflición que sofren as mulleres dende diferentes perspectivas, posto que todas, nalgún momento sofren ou sufrirán violencia machista, misóxina, maltrato físico, psicolóxico, salarial ou incluso na infancia; situacións que provocan pena, dor ou desconsolo e son complicadas de superar.

Andrea Valle, natural de Os Ancares (Lugo), iniciou a súa carreira na escrita, como ela mesma di “comecei a escribir por covarde e continuei por valente”. A artista recorda que cando era nena custáballe moito expresarse verbalmente, polo que sempre lle escribía cartas e notas ás persoas que lle importaban. Grazas ao apoio incondicional da súa familia e amigos comezou a mostrar o que escribía, ata converter os micros abertos de Santiago no seu fogar. Máis tarde chegaron os Slam Poetry, no que acadou en dúas ocasións o segundo posto. Recentemente participou en  dúas antoloxías poéticas, Poesía galega novísima, e Mujer, brujas, luna llena.

Violencia Zero xa pasou por Pontevedra, Vigo, Moraña, Silleda, Meaño, Forcarei, Agolada, A Lama, Oia, Moaña, Caldas de Reis, As Neves, Redondela, Salceda, Fornelos, o centro Príncipe Felipe, Tui,  Meis, A Cañiza, Baiona. Tras a parada de hoxe en Covelo, chegará ós concellos de Barro, Rodeiro, Cambados e Vilaboa.

Galerias de imaxes