Carmela Silva subliña o carácter pioneiro do sector gandeiro do Deza na súa visita a Frigoríficos Bandeira

A presidenta provincial puxo en valor a planta de biogás que está a construír a firma con Fondos Europeos e coa que aforrará a emisión de preto de 30.000 toneladas de dióxido de carbono anuais

25/03/2023

VISITA FRIGORÍFICOS BANDEIRA

Frigoríficos Bandeira, firma silledense dedicada á comercialización de carne, está consolidada no panorama internacional con galardóns como o obtido no prestixioso concurso World Steak Challenge 2022, celebrado en Dublín, que nomeou a súa carne como a mellor do certame. “A fama desta empresa espállase por todo o mundo”, sinalou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na súa visita ás instalacións situadas en Bandeira. Durante o percorrido, a presidenta estivo acompañada do alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e o director xeral de loxística e produción da firma, Daniel Cochón, a quen Carmela Silva deu os parabéns, espallados a todo o seu persoal, “por manter durante 40 anos unha grande e pioneira empresa que consegue medrar e cuxa carne, de altísima calidade, é unha gran referencia e está nos mellores mercados e tamén nos mellores restaurantes”.

A presidenta provincial puxo en valor na visita a Frigoríficos Bandeira “todo o traballo que se desenvolve nesta empresa: a absoluta limpeza, o coidado da materia prima e toda a trazabilidade do produto, desde que chega o gando vacún ata que sae para as grandes distribuidoras”. Este  proceso, asegurou, “sorprende e fala moi ben do sector gandeiro e comercializador da provincia e concretamente da comarca de Deza”. “Xa coñecía a súa fama–engadiu, tras percorrer esta empresa familiar con máis de 120 traballadoras e traballadores directos- pero agora marcho moito máis orgullosa do que xa estaba, tras comprobar en primeira persoa a marabilla do seu proxecto empresarial”.

Carmela Silva tamén tivo palabras de enxalzamento para o carácter sostible de Frigoríficos Bandeira, “unha firma que inviste moito en seguir avanzando cun proxecto pioneiro e moi potente de biogás, para tratar os xurros e xerar enerxía de forma sostible”. A presidenta fíxose eco do seu proxecto de produción de enerxía térmica con fontes renovables, que recibiu 2,2 millóns de euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a maior achega de toda a convocatoria, ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Grazas a isto, a empresa aforrará cada ano máis de 200.000 euros e a emisión de 28.500 toneladas de dióxido de carbono. “Son xente valente, que se atreve a poñer en marcha grandes proxectos relacionados coa sostibilidade pero non de palabra, senón con feitos e arriscando”.

Pola súa banda o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, lembrou que “estamos na segunda empresa con maior facturación de todo Deza –67 millóns de euros facturados en 2021– e o seu bo facer é primordial para todo o sector gandeiro de Galicia”. O rexedor salientou que “grazas a Frigoríficos Bandeira non só a Tenreira de Galicia senón tamén a nosa carne vacúa maior está vista como unha referencia, e iso repercute directamente a todo o sector, por iso estamos tan orgullosas e orgullosos dos nosos empresarios e empresarias”.

Galerias de imaxes