Carmela Silva enxalza a aposta pola innovación e a sostibilidade da cooperativa Horsal

A presidenta provincial visitou as instalacións da empresa en Cambados xunto á directiva, ao seu persoal e ao alcalde, Samuel Lago, e destacou o papel dunha “empresa modelo” que axuda “a poñer en valor o futuro do rural da provincia e de Galicia”

08/08/2022

HOrsal

A presidenta provincial Carmela Silva puxo hoxe en valor a aposta da Cooperativa Horsal  (Produtores de Hortalizas de Galicia) pola innovación, a calidade e a sostibilidade na visita que realizou ás instalacións desta empresa no concello de Cambados. No seu percorrido, Carmela Silva estivo acompañada polo presidente e o xerente de Horsal, Alberto Amil e Fernando Veiga, e representantes da directiva, así como polo alcalde de Cambados, Samuel Lago, amais de traballadoras e traballadores ante quen subliñou “o extraordinario traballo” desta empresa modelo que contribúe a “xerar valor engadido e a crear emprego” no sector primario da provincia, e “poñer así en valor o futuro do rural da provincia e de Galicia”.

A presidenta agradeceu a invitación de Horsal para visitar as súas instalacións e incidiu en que esta cooperativa “é un orgullo para O Salnés, e tamén para a provincia e Galicia porque produtoras e produtores asociáronse para crear unha organización que hoxe é unha gran referencia en Galicia das empresas hortofrutícolas e, tamén, pola aposta que fan pola sostibilidade e polo produto de proximidade”. Carmela Silva, que subliñou a ampla presenza de mulleres na empresa “que xogan un papel moi importante”, incidiu en que “loitaron pola calidade, a profesionalidade e a excelencia e foron capaces de estar nas grandes superficies alimentarias e tamén en moitos establecementos de proximidade. Horsal amosa, dixo, que se poden crear grandes empresas con estes valores e así teñen que ser as empresas do presente e do futuro para Galicia”.

A presidenta provincial lembrou que nos últimos anos as instalacións puideron ser melloradas coa liña de subvencións que a Deputación destina ás cooperativas agrogandeiras, a convocatoria de 2022 se aprobará este vindeiro venres, “que teñen utilizado especialmente para modernizar a súa maquinaria”. Neste senso, na súa visita puido coñecer o destino das achegas recibidas ata agora, que serviron para unha pesadora e envasadora para os pementos de Padrón; a adaptación á normativa de accesibilidade e incendios; a disposición dunha calibradora para cebola en malla; a instalación central solar fotovoltaica ou a melloras enerxéticas e adquisición dunha envolvedora. “A Deputación aposta polo sector primario porque é moi importante, dixo Carmela Silva, aínda que non sexan as nosas competencias.  Temos claro que non haberá futuro nas zonas rurais se non hai emprego e o emprego vai estar vinculado si ou si ao sector primario”.

O xerente de Horsal, Fernando Veiga, subliñou precisamente que as achegas da Deputación axudaron a “renovar liñas de produción, mellorar e modernizar o tratamento dos produtos para achegalos ás persoas consumidoras”. Veiga explicou que na actualidade a cooperativa está a elaborar un Plan Estratéxico, no que un dos eixos fundamentais vai ser “a incorporación de novas e novos produtores, e o incremento da superficie produtiva, porque vemos que os e as clientes demandan máis produto, mellora do servizo e continuidade; e unha vez coa estrutura comercial montada ese crecemento axudaría a mellorar a nosa posición competitiva no mercado”. Neste senso, a presidenta provincial tamén animou a produtoras e produtoras “a sumarse a un proxecto tan potente como este”.

Pola súa banda, o alcalde Samuel Lago destacou o papel que están a desenvolver tanto Horsal no eido hortofrutícola como as outras dúas cooperativas vinícolas situadas no concello e subliñou o orgullo da administración municipal polo feito de que Horsal “estea radicada en Cambados, que dea saída aos produtos da agricultura da comarca, e que ademais estean facendo as cousas tan ben; esta xerencia e xunta directiva merece o recoñecemento e animámosvos a que sigades traballando para que a cooperativa siga innovando, crecendo e siga sendo un referente”. Subliñou así mesmo non só o papel das mulleres senón tamén da xente moza, “que amosa que hai relevo xeracional porque o produto resulta atractivo para quen quere emprender no sector agrario, e as axudas das administracións como as que vimos coñecer, contribúen a que haxa ese relevo”.

Horsal, fundada no ano 1985, dedícase á produción e comercialización de hortalizas de Galicia e constitúe unha das maiores organizacións no ámbito da horta atlántica. Ao longo dos anos teñen apostado pola formación, innovación e profesionalización e, a actualidade, son provedores, entre outras, de grandes empresas de distribución así como firmas locais (froiterías, postos de mercado e empresas de restauración). No mercado exterior teñen presenza no Reino Unido e Países Baixos.

Galerias de imaxes

videos