Noticias

Visita institucional a Tomiño e Vilanova de Cerveira para escoller as mellores propostas da ponte peonil que unirá ambas beiras do Miño

O deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, cualificou de "moi positiva" a reunión do comité técnico asesor que tivo lugar hoxe, na que se analizaron os problemas e virtudes dos 24 deseños


11 xaneiro 2018

O xurado cualificador e o comité técnico asesor do concurso de ideas para a nova ponte peonil entre Tomiño e Vilanova de Cerveira visitará o próximo venres 19 o treito do río no que se instalará o futuro viaduto. Así o manifestou hoxe o deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, na que foi a primeira reunión de traballo que tivo lugar na Deputación de Pontevedra, e na que se analizaron as 24 propostas admitidas no concurso de ideas.

A intención da visita, segundo Benítez, é que todos os membros do xurado e do comité de asesores poidan coñecer en persoa o espazo natural e patrimonial no que se integrará a ponte se aínda non o visitaron. O encontro está organizado polo Concello de Tomiño e a Câmara de Vila Nova de Cerveira, e incluirá cruzar en barco a canle do río para dispoñer de todas as perspectivas posibles de cada unha das propostas.

Os membros do xurado e do comité técnico asesor celebraron hoxe a súa primeira reunión de traballo, na que se analizaron os problemas e virtudes dos 24 deseños presentados tendo en conta cuestións de mobilidade, medio, patrimonio e navegabilidade, entre outras, ademais de valorar a súa executabilidade na realidade. Neste sentido, o xurado terá que seguir a traballar de xeito particular e analizar individualmente cada proposta. Será na seguinte reunión oficial, o 1 de febreiro, cando se poñan todas as achegas individuais en común, se pase a puntuar de xeito oficial cada proposta, e se faga unha criba que finalizará coas tres ideas gañadoras e unha en reserva.

No xurado, conformado de xeito internacional, hai representatividade das escolas técnicas, colexios oficiais e administracións con competencias e intereses na ponte de ambos os lados do río. No día de hoxe reuníronse representantes da Deputación; dos dous concellos afectados; do Colexio de Arquitectos de Galicia; do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Portos e Canais; da Ordem dos Engenheiros; da Ordem dos Arquitectos, así como da Dirección Xeral de Patrimonio Natural; da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo; da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural; e da Capitanía do Porto de Caminha; entre outros. Todos eles terán que facer achegas e suxestións particulares en función das competencias, para facilitar despois, no momento da consecución de permisos, a tramitación e autorización da obra.

Como xa se anunciara, os deseños presentados polos aspirantes son moi diferentes entre si: hai estruturas atirantadas, pontes colgantes, taboleiros simples instalados en pilares sobre o río, percorridos redondeados, rectos ou en zig-zag, de todo tipo de materiais, e cun obxectivo común: todos eles conforman miradoiros para gozar da paisaxe.

A redacción do deseño da nova ponte peonil e ciclista sobre o Miño está encadrada no proxecto VISIT_RIO_MINHO presentado á primeira convocatoria do "Programa Operativo España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 Interreg V-A", nunha candidatura conxunta liderada pola Deputación de Pontevedra coa CIM Alto Minho, os concellos do norte de Portugal, a Fundación CEER, o Centro Tecnolóxico do Mar e a Universidade de Vigo. Este proxecto obtivo un cofinanciamento do 75 % de fondos FEDER no marco da referida convocatoria do POCTEP 2014-2020 Interreg V-A, cun orzamento total aprobado de dous millóns de euros, cunha achega da Unión Europea que ascende a 1.500.000 euros.