A Deputación achega preto de 700.000 euros para garantir que A Cañiza conte cunha piscina modélica e exemplo de xestión dende o rural

Carmela Silva: “Felicito ao alcalde pola súa valentía e estou feliz de que o plan ReacPon teña servido para converter en realidade un proxecto desta importancia”

12/08/2022

Piscina A Cañiza

A piscina da Cañiza será unha instalación viable economicamente e sostible dende o punto de vista enerxético e medioambiental unha vez que rematen as obras en execución e que veñen de visitar a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o alcalde, Luis Piña e o deputado de Cooperación, Santos Héctor. A actuación conta cun orzamento total de 689.049 euros, financiado na súa totalidade pola Deputación, dado que achega 500.766 euros con cargo ao plan ReacPon e outros 188.273 euros coas partidas do Plan Concellos.

A presidenta da Deputación Carmela Silva fixo fincapé na “valentía” do Goberno municipal por  ter adoptado a decisión de pechar a piscina en marzo de 2020, a causa da súa inviabilidade económica e dos defectos no seu funcionamento e, deseguido, poñerse a traballar nun ambicioso proxecto de reforma. “A Cañiza vai contar cunha piscina de enorme calidade; dentro de nada poderemos reinaugurala, 27 anos despois, convertida nun modelo de como hai que facer as cousas no século XXI e de xestión eficiente dende o rural”. Ademais, amosouse feliz de que o plan ReacPon teña servido para converter en realidade un proxecto desta importancia, polo que aplaudiu a “boa xestión” do Goberno local que lidera Luis Piña.

Carmela Silva destacou que a piscina non cumpría as especificacións dos tempos actuais e destacou a urxencia inaprazable de actuar para adaptar os custos de mantemento, con obras que permitiran reducir tanto o consumo enerxético como o de auga. “Non pode ser que haxa equipamentos con perdas de auga como ocorría aquí, porque a auga é un ben escaso”. Ademais, reiterou o compromiso co aforro enerxético “porque estamos nunha situación dramática en Europa pola dependencia enerxética de Rusia”. Deste xeito cualificou como “obriga ética e moral” as melloras realizadas para racionalizar os consumos. Finalmente, enxalzou a mellora nos servizos da instalación deportiva coa creación de novos espazos que ofertan actividades de saúde e benestar.
O alcalde explicou que a decisión de pechar a piscina “foi complicada”, pero inevitable diante do déficit acumulado nun concello de 5.000 habitantes. “Era imposible tirar para  adiante naquelas circunstancias”. “A decisión de modernizala e racionalizar custos tíñase que terse adoptado moito antes para non chegar a unha situación completamente insostible”. O alcalde agradeceu o apoio da Deputación “a través do ReacPon e do Plan Concellos para poder actualizar e reabrir esta instalación”. “Podo dicir que neste mandato é a medida estrela, porque é unha obra moi demandada; dá un plus de calidade ao noso concello”. “Despois desta reforma, a piscina ten moito futuro, ao igual que o noso concello. Falamos dun plus que axuda a que moita xente decida residir no noso concello; falamos, por tanto, de traballar para fixar poboación no rural”.

A obra partiu da substitución da caldeira de substitución de gasóleo por dúas caldeiras de pellets que funcionan integradas e, ao consumir biomasa, teñen nulo impacto medioambiental ao tempo que rebaixan substancialmente a factura enerxética. No interior reduciuse un 40% o volume de auga a climatizar coa adaptación da profundidade na piscina e a eliminación do vaso pequeno. Gracias a isto, actualízase tamén a instalación de paneis solares da cuberta, que estaba sobredimensionada e, ademais, sufría de frecuentes avarías. Alí colocarase, ademais, un sistema de control para optimizar o funcionamento. O exterior do edificio pasará a contar tamén cunha nova “pel” para garantir o illamento térmico. E, ademais, estanse a substituír as láminas de policarbonato do lucernario para optimizar a climatización e tódalas instalacións técnicas.

En canto ás melloras nos servizos, a nova instalación pasa a dispor dunha nova sala de actividades deportivas separada do recinto principal da piscina. Créase tamén un espazo “wellness” con jacuzzi, tumbonas, sauna e baño turco e actualízanse funcional e esteticamente os vestiarios e a iluminación xeral.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.