A Deputación sufraga a obra máis ambiciosa da última década en Moaña coa rehabilitación do concello vello a través do Plan REACPON

A posta en valor do emblemático inmoble, que busca dinamizar social e culturalmente o pobo, ten un orzamento de máis dun millón de euros

19/08/2022

REACPON Moaña

O emblemático edificio do Concello Vello de Moaña cobrará unha nova vida como espazo de dinamización social e cultural da contorna coa rehabilitación que está a realizar o Concello neste inmoble grazas ao Plan ReacPon da Deputación. Trátase do investimento máis ambicioso no municipio morracense na última década, cun orzamento de máis dun millón de euros. As obras, que hoxe visitaron o deputado provincial Carlos López Font e a alcaldesa Leticia Santos, permitirán recuperar para a cidadanía esta xoia patrimonial, que data dos anos 20 do pasado século.

A ambiciosa actuación, que financia ao 100% a institución provincial xa que conta tamén cunha achega do Plan Concellos, engloba a restauración integral das edificacións do Concello Vello e Protección Civil. Inclúe a rehabilitación enerxética e a mellora das condicións de accesibilidade. Trala reforma, acollerán un moderno espazo cultural cunha orientación interxeneracional e manterán a sede de Protección Civil.

Nestes momentos procédese ao baleirado interior do inmoble, do que só se conservará a escaleira de acceso principal, que será obxecto de rehabilitación. Outro dos elementos nos que se traballa estes días é a recuperación da lámpada do salón de plenos, que unha vez restaurada se instalará de novo nas dependencias. As obras estarán rematadas cara finais deste ano. O futuro espazo cultural contará cunha sala de exposicións, un espazo multifuncional para eventos culturais, charlas e exposicións, un local de ensaio e disporá dun sistema de bancadas e tarimas que permitirá adaptar diferentes escenarios.  Amais, disporá tamén dunha sala de estudo e de espazos de traballo en grupo para o uso de colectivos do concello, entre eles a Coral de Moaña de grupos musicais de diferentes idades. O futuro centro sociocultural contará cun sistema automatizado de acceso autónomo para tódalas asociación que farán uso do equipamento.

Por outra banda, o espazo de Protección Civil contará entre outras dotacións cun garaxe con capacidade para 3 vehículos e remolque, zona de almacén, un espazo para taquillas metálicas, vestiarios adaptados, lavandería, centro de control, espazo multiusos para reunión, sala de descanso e aseos adaptados.
Na construción priorízase o uso de materiais sostibles de orixe natural e respectuosos co medio ambiente e apóstase pola descarbonización e a economía circular con sistemas de enerxía renovable que permitirán o autoabastecemento do conxunto. Deste xeito, as obras inclúen a mellora da envolvente térmica das fachadas que, no caso da principal, será mediante unha solución bioclimática de fachada vexetal que mellora tanto o illamento térmico como acústico, ao tempo que purifica o aire a través da xeración de osíxeno, o filtrado de partículas contaminantes e procesamento de materiais pesados.

Renovaranse as instalacións de fontanería, electricidade, telefonía, iluminación e saneamento e incorporaranse outras novas: climatización, ventilación, telecomunicacións, rego e detección de incendios. Os traballos complétanse coa mellora das condicións de accesibilidade interiores cun novo ascensor e tamén as exteriores, mediante a renovación do pavimento da fronte da fachada principal.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.