A Deputación abre a inscrición para unha nova ruta ornitolóxica “Voando nas Rías Baixas” nas Brañas de Xestoso

A camiñada guiada para observar aves, por este espazo declarado Zona de Especial Conservación, desenvolverase de xeito gratuíto o 19 de xuño

05/06/2022

A Deputación de Pontevedra abre este luns, 6 de xuño, o prazo de inscrición para a cuarta das rutas ornitolóxicas programadas dentro da quinta edición da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife. O obxectivo é dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos. Esta nova ruta, que se desenvolverá o 19 de xuño, permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística das Brañas de Xestoso, un espazo declarado Zona de Especial Conservación e protexido pola Rede Natura 2000. Ofértanse 25 prazas para esta camiñada guiada de carácter gratuíto e as persoas interesadas poden anotarse na páxina web da Deputación (www.depo.gal).

As Brañas de Xestoso atópanse na zona norte e interior da provincia de Pontevedra, no límite entre os concellos da Estrada, Silleda e Forcarei. Trátase dunha estupenda representación das serras Baixas da provincia de Pontevedra, con diferentes e valiosos ecosistemas coma brañas, prados húmidos, turbeiras, matogueiras baixas, rochedos, carballeiras e a lagoa Sacra de Olives.

Nos meses de primavera estes diferentes ecosistemas son os hábitats ideais para observar e escoitar escribentas amarelas e riscadas, lavercas, tordos charlos, trigueiróns ou especies migratorias procedentes de África, coma os picanzos vermellos, as picas das árboles, o cuco ou a bubela entre outras. Tamén é un magnífico lugar para as rapaces, aves tan fermosas coma a tartaraña cincenta, a gatafornela a aguia cobreira o miñato abelleiro ou o falcón peregrino.

A  andaina estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife Pontevedra. Como recomendacións para as/os participantes, aconséllase levar roupa cómoda e calzado apropiado para moverse polo campo, así como protector solar. Cada participante terá a súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha guía de aves, así como unha lista das mesmas para que elaboren a súa lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo, recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo. A actividade inclúe un autobús dende o punto de encontro ata a zona de realización da mesma.

Despois desta cuarta ruta, o resto continuarán a partir do mes de xullo, coa camiñada pola Serra do Suído (Cotobade, A Lama, Beariz, Fornelos e Covelo) o día 10, coas inscricións abertas desde o día 27 de xuño. A penúltima das actividades terá lugar o 6 de novembro na Enseada de San Simón (Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa), coas inscricións abertas desde o día 24 de outubro. “Voando nas Rías Baixas” concluirá o 18 de decembro coa ruta pola Desembocadura do Río Lérez e Intermareal Combarro-Lourido (Poio e

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 17 resultados.