A Deputación abre a inscripción para a ruta de “Voando nas Rías Baixas” na Serra do Suído

A camiñada guiada para observar aves desenvolverase de xeito gratuíto o 10 de xullo

27/06/2022

A Deputación de Pontevedra ten aberto dende hoxe luns, 27 de xuño, o prazo de inscrición para participar na quinta das rutas ornitolóxicas programadas na actual edición de “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife. Esta nova ruta, que se desenvolverá o 10 de xullo, permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística da Serra do Suído por Cotobade, A Lama, Beariz, Fornelos de Montes e Covelo. Ofértanse 25 prazas para esta camiñada guiada e de balde, e as persoas interesadas poden anotarse na web da Deputación (www.depo.gal ).

A Serra do Suído é un sistema montañoso da provincia de Pontevedra de alto valor ecolóxico, mítico pola presenza do lobo ibérico e das aves rapaces. A Serra caracterízase polas lomas suaves nas que abundan os pastizais e o monte baixo de carrascos e toxos. Na primavera e no verán os seus espazos abertos son ideais para que sobrevoen grandes rapaces como o impresionante voitre leonardo, aguia calzada, abelleiro europeo, aguia cobreira ou o miñato. A andaina estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife. Como recomendacións para as/os participantes, aconséllase levar roupa cómoda e calzado apropiado para moverse polo campo, así como protector solar. Cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha guía de aves, así como unha lista de aves para que elaboren a súa lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.

Tras esta ruta, o 6 de novembro terá lugar a camiñada pola Enseada de San Simón (Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa), coas inscricións que se abrirán o 24 de outubro. “Voando nas Rías Baixas” concluirá o 18 de decembro coa ruta pola Desembocadura do Río Lérez e Intermareal Combarro-Lourido (Poio - Pontevedra).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 16 resultados.