Volven os Rías Baixas Fest “dos sorrisos e gran formato”, que encherán a provincia de música, gastronomía e sostibilidade entre xuño e setembro

Carmela Silva: “Estes festivais son espectaculares: son  música, territorio, paisaxe, orgullo do que somos e o risco que asume tanta xente que pon a alma, as ideas e horas e horas de traballo para ter algo tan extraordinario como este proxecto”

10/05/2022

Rías Baixas Fest

Este 2022 vai ser o ano para “recuperar os sorrisos e o gran formato” nos Rías Baixas Fest, os sete festivais da marca da Deputación que posicionan a Pontevedra Provincia a nivel nacional e internacional como destino singular e que encherán o territorio do 2 de xuño ao 11 de setembro de música, gastronomía, deporte urbano, sostibilidade, igualdade e, por suposto, de talento. Nun acto celebrado baixo o magnolio do xardín do Pazo Provincial, a presidenta Carmela Silva e os e as representantes das promotoras dos festivais e representantes municipais dos concellos onde se celebrarán os eventos, deron hoxe o tiro de saída aos Rías Baixas Fest, que engloban o PortAmérica, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal, Sonrías Baixas, O Marisquiño e Revenidas. A presentación estivo amenizada coa actuación de Carolina Rubirosa, que interpretou o tema “O teu camiñar”, co que esta semana representará a Galicia no Festival Internacional Liet de Dinamarca.

“Precisamos de alegría e felicidade e non hai nada como a cultura para desfrutar da boa vida”. Así se expresou a presidenta da Deputación que cualificou como “espectaculares” os sete festivais e fixo un recoñecemento ás súas promotoras e promotores, “xente que pon a alma, as  ideas, e horas e horas de traballo para ter algo tan extraordinario como os Rías Baixas Fest, que está a construír un proxecto que é envexa nacional e internacional”. Carmela Silva lembrou, que despois da pandemia, “este é o ano de recuperar os sorrisos e de dicirlle á xente que fomos capaces de manter os festivais, algo que era imprescindible, porque sería unha fonda irresponsabilidade non facelo. E este ano por fin puidemos recuperar ese gran formato para que moita xente poida vir e poidan ser felices”. Engadiu a presidenta provincial que os Rías Baixas Fest son música, “pero tamén territorio, paisaxe, orgullo do que somos, gastronomía, que aquí é diferente porque está vinculada ás nosas tradicións e a unha relación coa terra que tanto nos dá”. E son gastronomía e turismo sostible, no que amais de “abrir as portas” aos e ás visitantes á provincia “para que desfruten e nos coñezan”, tamén se busca que a “a xente máis próxima se sinta orgullosa do que somos”.

Carmela Silva destacou así mesmo a aposta dos Rías Baixas Fest pola igualdade, e agradeceu neste senso que abran as portas ás novas artistas musicais do programa provincial Descúbreas, “tendo unha relación co propio sentir do festival”. E tamén subliñou o compromiso coa sostibilidade, “porque todas e todos os promotores aman profundamente esta provincia e amala é coidala e respectala, facer que poidamos conservala e mellorarala a nivel medioambiental”. Concluíu desexando sorte a Carolina Rubirosa na súa participación no Liet en Dinamarca, lembrando que as mulleres están a protagonizar “un novo rexurdir” cultural para Galicia. “Houbo unha Xeración Nós que foi fundamental, e hoxe hai unha xeración Nosoutras, de grandes mulleres na música, na escrita, o teatro ou o cinema”.

A volta á normalidade centrou tamén as intervencións de Jordi Lauren, director do Festival SonRías Baixas, e de Ana San Román, do Festival PortAmérica, que falaron en nome de todos os eventos. Recordaron que a pandemia “púxonos ante un reto que criamos inasumible durante moitos meses” e Lauren agradeceu neste senso o “apoio incondicional” da Deputación á marca dos Rías Baixas Fest, “da que xa podemos falar como plenamente consolidada”. Estes festivais “son unha ferramenta de cohesión social e orgullo territorial; son, sobre todo, identidade territorial”. Apuntou neste senso que amais de observar estes eventos en clave nacional e internacional, “é importante facelo tamén en clave de turismo interno e de proximidade, e convencer a xente da lado que ten unha alternativa de ocio de moita calidade”. O director do Sonrías Baixas subliñou que “vimos dun período  de desacougo e  temos que volver convivir e reactivarnos de verdade. A verba coa que me quedo este ano é a de ilusión: volvemos vivir e a traballar con ilusión e estamos desexando abrir as portas e recibir a milleiros de persoas con ilusión”. Pola súa banda, Ana San Román puxo o foco nos festivais como polo de atracción turística, “porque temos un destino único que combina costa e interior, cun patrimonio histórico, cultural, un turismo natural precioso e unha gastronomía coa que podemos contar en todos os festivais”.

Os Rías Baixas Fest arrancarán co PortAmérica que se celebrará do 2 ao 4 de xuño en Portas e Caldas, a cuxos alcaldes tamén fixo un recoñecemento a presidenta “por seren capaces de aunar o interese dun territorio por riba do local e traballar conxuntamente para que este festival puidera seguir crecendo desta forma exponencial”. O calendario seguirá en xullo, onde do 15 ao 17 se celebrarán o Atlantic Fest (Vilagarcía) e o Vive Nigrán, e do 22 ao 24 o Sinsal na illa de San Simón. Agosto comezará co Sonrías Baixas (Bueu), que se celebra do día 4 ao 6, mentres que do 12 ao 14 será a quenda do Marisquiño de Vigo. Por último, do 7 a o 11 de setembro terá lugar Revenidas en Vilaxoán (Vilagarcía). Todos con carteis espectaculares. “Como a xente non se apure –lembrou Carmela Silva- van quedar fóra e non van poder participar destes marabillosos festivais que son un orgullo”.

Galerias de imaxes

videos

Noticias relacionadas

 
		Portamérica levantará o 2 de xuño o pano dos Rías Baixas Fest coa súa fusión de música, natureza e gastronomía en tres escenarios de Portas e Caldas

Portamérica levantará o 2 de xuño o pano dos Rías Baixas Fest coa súa fusión de música, natureza e gastronomía en tres escenarios de Portas e Caldas

Carmela Silva: ”Este festival, que é unha referencia da industria musical en todo o Estado, deixa unha pegada inesquecible e este ano vai ser espectacular porque a xente está desexosa de ser feliz, e que dá máis felicidade que a cultura”