A Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias organizan este xoves un webinario sobre comunicacións cuánticas no marco do Ciclo Aida Fernández Ríos

A conferencia será impartida polo catedrático de Teoría do Sinal e das Comunicacións da Universidade de Vigo Marcos Curty Alonso

31/05/2023

Este xoves ás 19:00 horas a Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias organizan un novo webinario no marco do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, co que ambas as dúas institucións convidan a cidadanía a achegarse ás ciencias e ás aplicacións do coñecemento científico á sociedade como axudante do desenvolvemento socioeconómico. Neste caso, a actividade estará centrada nas comunicacións cuánticas e será impartida polo catedrático de Teoría do Sinal e das Comunicacións da Universidade de Vigo Marcos Curty Alonso.

O webinario leva por título “A segunda revolución cuántica: como serán os ordenadores e as comunicacións do futuro?”, e xorde da inmersión que vive o mundo actual na segunda revolución cuántica, que ditará a forma na que se procesará e transmitirá información no século XXI, igual que se fixo na primeira revolución coas tecnoloxías da información que xurdiron no XX. Neste contexto, os xigantes tecnolóxicos compiten para ser os primeiros en desenvolver un ordenador cuántico a grande escala, con aplicacións en biomedicina, química ou intelixencia artificial. Ademais, a nivel institucional, Europa planea despregar unha rede de comunicacións cuánticas a nivel continental na próxima década que protexa a información máis valiosa, coma xa están a facer outros países. Na charla a cidadanía poderá asistir a un debate sobre como a mecánica cuántica cambiará radicalmente a maneira de procesar e compartir información nun futuro próximo.

O programa do ciclo Aida Fernández Ríos abrangue un total de 13 conferencias. Por unha banda oito webinarios dirixidos á cidadanía en xeral e, pola outra, cinco conferencias presenciais en centros educativos, tratando temas como a seguridade alimentaria, as enerxías renovables, as comunicacións cuánticas, as aplicacións da intelixencia artificial, o Big Data e a xenómica. Trala conferencia deste xoves, o ciclo continuará o vindeiro 8 de xuño, tamén ás 19.00 horas da man de Ana Freire Vega, profesora titular e directora do Departamento de Operacións, Tecnoloxía e Ciencia da Barcelona Scholl of Management, que afondará en “Como a Intelixencia Artificial pode contribuír positivamente á saúde mental?”. Finalmente, o día 15, ás 19.00 horas, será a quenda da “Evolución das nosas células e por que se producen os tumores” da man de David Posada, catedrático de Xenética do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo. As persoas interesadas en asistir telematicamente e de xeito gratuíto ás conferencias deberán inscribirse en www.depo.gal

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.