Noticias

Xacio Baño: "toda a vida imos lembrar a fin de semana que pasamos aquí rodando na Amil"

Parte do equipo do filme Trote mantivo un encontro coas e cos aloitadores e coa veciñanza da parroquia para amosarlles a importancia que o patrimonio natural e etnográfico acada neste proxecto


06 decembro 2017
Rodaxe de Trote

"Toda a vida imos lembrar a fin de semana que pasamos aquí con vós rodando na Amil" aseguroulle Xacio Baño ás e aos aloitadores desta parroquia morañesa. O director do filme Trote, o produtor executivo Sergio Frade, e a actriz Tamara Canosa mantiveron esta tarde un encontro coas e cos aloitadores da Rapa das Bestas da Amil e coa veciñanza para amosarlles a importancia que a tradición e o patrimonio etnográfico acadan neste traballo cinematográfico. "Estamos moi contentos coa familia que se creou entre o equipo da peli e as e os aloitadores" engadiu Xacio Baño. Hai que lembrar que parte desta película, que conta co patrocinio da Área de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, fora rodada o pasado mes de xullo durante a Rapa das Bestas.

No encontro, que tivo lugar na Casa Cultural da parroquia, tamén participaron o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e a deputada e tamén concelleira de Moraña, Eva Vilaverde. Precisamente Eva Vilaverde foi a encargada de dar a benvida asegurando "hoxe ídesme permitir que sexa da Amil, porque para nós a Rapa xa era importante, porque é unha tradición que esta parroquia conseguiu manter ao longo do tempo, xeración tras xeración, e agora grazas a este filme vaise dar a coñecer polo mundo adiante". Pola súa banda, Xosé Leal incidiu en que "o patrocinio deste filme pretendía precisamente isto, poñer en valor o patrimonio e a lingua galega como elemento vehicular para amosar ao mundo unha realidade local e que, estamos seguros, vai acadar relevancia internacional". Durante o encontro, as persoas asistentes puideron ver un pequeno fragmento do filme correspondente á parte rodada na Amil, así como unha selección de foto fixa na que aparecen as e os aloitadores, coa idea, segundo explicou Xacio Baño, de amosar como a tradición da Rapa das Bestas vai quedar reflectida na montaxe final.

O cinema como viaxe

"No século XXI o cinema é un dos vehículos máis relevantes para transmitir, dar a coñecer e facer viaxar a nosa cultura, porque é moito máis efectivo que a música ou a literatura" asegurou Baño. Como exemplo de como unha cultura local ou singular pode viaxar polo mundo, citou a súa curta Ser e voltar, que tamén se visionou durante a sesión, e que rodara con seus avós na súa aldea. "Este traballo viaxou moi ben por medio mundo, porque o público o que quere é coñecer novas miradas e realidades diferentes" explicou o realizador. Baño utilizou a curta como exemplo por entender que inclúe unha contorna rural na que as persoas presentes se podían sentir identificadas.

Sobre a Rapa das Bestas en particular, afirmou que "as tradicións vanse transformando e moitas veces vanse perdendo porque, cada vez máis, camiñamos cara un ser humano máis uniforme e o papel dos creadores é o de amosar miradas diferentes e non ter medo de difundilas". Xacio Baño tamén fixo unha defensa da cultura de seu indicando que "ás veces fáisenos difícil ver que o noso, o que nos rodea, é relevante, e ten que vir xente de fóra para que nos deamos conta". Neste punto, o realizador insistiu en que "estas imaxes amosan moi ben unha parte da nosa cultura e da nosa idiosincrasia como galegos". Baño asegurou, ademais, que "Rapa foi unha experiencia fantástica, porque ten algo moi cinematográfico, e estou seguro que nos fará viaxar moito e moi ben polos festivais do mundo".

Imaxes espectaculares

Tanto Sergio Frade como Xacio Baño coincidiron en afirmar que "as imaxes da Rapa quedaron espectaculares". O director confesou que "desde fóra a idea de meter as cámaras no curro dábanos moito respecto, porque é un lugar con animais, xente, caos, e non sabiamos como ía resultar". Sen embargo a experiencia non puido saír mellor a ollos do equipo do filme, que mesmo aseguran que "as imaxes da Rapa son absolutamente fundamentais para a película".

Xacio Baño lembrou que "saíu todo o equipo en éxtase do curro, e xa naquel momento sabiamos que alí tiñamos algo máxico, latente, con posibilidades de facer algo grande". O filme arranca precisamente coas e cos aloitadores da Amil, cunha secuencia na que aparecen falando unha semana antes da celebración da Rapa das Bestas.

Pola súa banda, Sergio Frade anunciou que grazas á espectacularidade das imaxes da Rapa xa se interesaron no filme desde os festivais de Toronto, de Cannes e de Venecia.

Trote

O proxecto de Trote narra a historia de ficción de Carmen, unha rapaza que está nun punto vital no que ten que decidir entre a dicotomía de "coidar, atender á familia e ser humana, ou trotar e ser animal". A equipa de rodaxe que en xullo rodara na Amil estivera formada por máis de trinta persoas que despois continuaron a gravación durante catro semanas en diferentes localizacións. Entre o elenco de actores están María Vázquez, que interpreta a Carmen; Celso Bugallo como Ramón (o pai); Diego Anido como Luís (o irmán) e Tamara Canosa como María (a amiga e parella de Luís).

Trote é un proxecto de ficción producido por Frida Films, responsable de títulos como María y los demás, seleccionada a concurso no Festival de San Sebastián 2016, Los Increíbles Sección Novos Directores-Festival de San Sebastián, ou La Mujer del Eternauta na Sección Oficial do Festival de Málaga e o Festival de Sitges, entre outros títulos.

Xacio Baño, director e coguionista da película, presentou o proxecto en setembro de 2015 na Residencia Ikusmira Berriak organizado polo Festival de San Sebastián. Trote foi un dos catro proxectos seleccionados durante esa convocatoria, onde durante un mes e medio recibiu o asesoramento de expertos tan importantes como Paz Lázaro (directora de programación da sección Panorama do Festival de Cine de Berlín) e Marian Slot (produtora de Lars von Trier, Thomas Vintenberg ou Lucrecia Martel). Ademais, lKusmira Berriak garantiu a selección automática do filme no Festival de San Sebastián unha vez rematado o proxecto.