A Deputación aproba 1,8 millóns de euros para outros oito municipios da provincia ao abeiro do Plan Concellos

A Estrada, Meis, Mondariz, Moraña, Nigrán, O Rosal, Salceda de Caselas e Tomiño poderán levar a cabo diferentes actuacións para transformar o espazo público

08/07/2022

Carmela Silva

O Goberno da Deputación de Pontevedra deu hoxe luz verde a novos recursos dos que se beneficiarán oito municipios da provincia ao abeiro do Plan Concellos. Con esta nova inversión de 1.816.383 euros, A Estrada, Meis, Mondariz, Moraña, Nigrán, O Rosal, Salceda de Caselas e Tomiño levarán a cabo melloras de pavimentación e accesos, actuacións en materia de saneamento, en sinalización urbana, renovación de beirarrúas e á rehabilitación de equipamentos, como a rehabilitación dun muíño ou a reforma dunha escola unitaria.

A Estrada recibirá 291.101 euros cos que executará unha mellora da sinalización de todas as rúas do casco urbano, eliminando así sinais obsoletas ou que se atopan en mal estado.

Pola súa banda, o concello de Meis contará con 328.077 euros para dotar de redes de saneamento ao barrio de Sambade e aos lugares de Lusío e Quintáns (San Salvador de Meis), Penente (San Vicente de Nogueira) e Caxín, A Pedreira e Gondarei de Abaixo (San Martiño de Meis).

Ademais, Moraña disporá de 162.872 euros para renovar as beirarrúas da rúa Doctor Batallán, no tramo que vai desde o cruce do edificio do Concello ata o final do solo urbano en dirección ao núcleo rural de Covelo.

Os fondos do Plan Concellos chegarán tamén a Nigrán, que recibirá 259.153 euros para proceder á rehabilitación do muiño “Porto do Molle”, unha construción catalogada como Ben de Interese Cultural (BIC) e un edificio de gran valor histórico do que, actualmente, só se conservan os muros de granito e o piso de pedra sobre o inferno do moliño.

Por outra parte, Mondariz, contará con 314.846 euros para mellorar a pavimentación de camiños municipais en distintos puntos do concello. En concreto, actuarase en viais situados nas parroquias de Mondariz, Frades, Gargamala, Toutón, Sabaxáns, Riofrío, Lougares, Mouriscados e Meirol.

Salceda de Caselas, pola súa banda, recibe 158.294 euros para mellorar os accesos en Budiño, Parderrubias e San Xurxo co obxectivo de incrementar e favorecer a seguridade viaria dos e das condutores e peóns na rede de camiños municipais.

No caso do Rosal, os 100.000 euros aportados pola Deputación empregaranse para reformar unha das antigas vivendas dos mestres das Escola Unitaria de Fornelos coa finalidade de crear un espazo de convivencia para realizar todo tipo de actividades.

Por último, a achega para o concello de Tomiño ascende aos 201.040 euros, que se empregarán para acometer a segunda fase da mellora da rede de saneamento en Vilachán, co obxectivo de chegar a 32 novas vivendas situadas nos núcleos do Torneiro, O Xibao e A Pedra do Couto.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.