O emprendemento e a innovación con nome de muller centrarán o día 20 a xornada da Escola María Vinyals e a USC no marco da Axenda 2030

Máis de dez horas de debate e unha vintena de expertas para visibilizar no Castelo de Soutomaior o gran papel de moitas mulleres e a importancia de cumprir co ODS 5 da igualdade “o máis transversal da Axenda”

09/09/2022

presentación de xornada

Visibilizar o talento das mulleres e o seu liderado nos ámbitos do emprendemento, a innovación, a transformación dixital ou a intelixencia artificial para seguir a crear referentes femininas entre as mozas máis novas. Este é o principal obxectivo da nova xornada da Escola de Igualdade María Vinyals e a Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago que o vindeiro día 20 acollerá o Castelo de Soutomaior e que dará voz durante máis de dez horas de debate a preto dunha vintena de expertas nestes ámbitos para, como subliñou Carmela Silva,  “poñer en valor a a estas mulleres que triunfan e son grandes referentes pero non están no relato”. A presidenta provincial presentou esta nova cita “Axenda 2030. Emprendemento feminino e innovación” xunto á directora da Cátedra, María Cadaval, e animaron ás mulleres a inscribirse para asistir ao foro na web da Deputación www.depo.es.

Carmela Silva incidiu na necesidade “urxente” desta reflexión rigorosa da man da Universidade  para poñer en valor as referentes femininas nun momento en que, como lembrou “están protagonizando revolucións”, con grandes investimentos en emprendemento, “porque os datos din que as actividades emprendedoras que máis están a triunfar son das mulleres”, pero que seguen sen ser visibles. Ao mesmo tempo, o ámbito das novas tecnoloxías continúa a amosar “datos arrepiantes”, con menos do 20% das matriculacións en carreiras STEM de mulleres: “Todo isto vai ter unha influencia no futur0 das mulleres, pero tamén en que a mirada das mulleres forme parte desas tecnoloxías”, indicou. Neste senso referiuse especialmente aos nesgos de xénero da Intelixencia Artificial, que provocan que “todo o que xurde dela teña unha mirada masculina”.

A nova xornada busca, dixo Carmela Silva, “denunciar, dar datos e propoñer actuacións” e facer un chamamento para impulsar “en todas as administracións, o Estado, a Comunidade Autónoma e o mundo local, o desenvolvemento de políticas públicas para posibilitar que a metade do mundo poida participar nestas cuestións de tan grande relevancia, que xa non son só o futuro, senón o presente”. Neste senso, remarcou que “non se vai poder cumprir” ningún dos ODS da Axenda 2030, “o marco de Nacións Unidas para o futuro da Humanidade, se non se cumpre o número 5, o da igualdade, que é transversal”.

Pola súa banda, a directora da Cátedra, María Cadaval, agradeceu a sensibilidade da Deputación para abordar esta xornada que busca, como destacou, “visibilizar”. “Que as nenas teñan referentes femininas é unha cuestión fundamental para que no futuro esas desigualdades que aínda de hoxe perviven vaian diminuíndo –afirmou-. Os grandes cambios fanse paseniñamente e ademais abondando nos aspectos fundamentais”. Tamén indicou que o foro prevé “o intercambio de experiencias para axudar a tecer esa rede que a Escola de Igualdade María Vinyals vén facendo desde hai moito tempo e é unha das vías principais da Cátedra, a fin de que estas cuestións vaian pasando a primeira liña e poidamos dar cumprimento á Axenda 2030, para a que por certo cada vez temos menos tempo”.

O programa contará con tres mesas de debate, para concluír coa conferencia da prestixiosa experta e referente  Amparo Alonso Betanzos, catedrática e coordinadora do grupo de investigación LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) na Universidade da Coruña, que falará sobre a necesidade dos algoritmos “sexan concibidos con visión feminina, e incorporen o 50 % da sociedade para os que non foron deseñados”.

Aínda que o foro está centrado no ODS 5, todas as mesas afondarán en distintos obxectivos  de xeito transversal. En concreto, a primeira delas afondará sobre innovación tecnolóxica e xénero, cunha representación, como dixo Cadaval, de “mulleres galegas que están sendo as lideres de grandes empresas de innovación, aínda que non saian retratadas nos medios ou non sexan convocadas a mesas de expertos”. A segunda sobre emprendemento feminino e a innovación no sector primario, “para devolver ás mulleres deste sector o sitio que lles corresponde na sociedade”, e a última amosará a emprendedoras que desenvolveron os seus proxectos en alianza coa universidade e cuxas empresas son “agora son de éxito a nivel nacional e internacional”.

Participarán no foro Mar Rodríguez Fernández, experta en transformación dixital do sector público; María Camacho Gascò, directora de negocio de Plexus TEC; Berta Caro Mirás, directora de Desenvolvemento Corporativo de Tecalis; Sandra Castro Álvarez, executiva de contas de Fuell; Ana Malde Lagóstena, xestora de contas de clientes de servizos públicos de Accenture para Galicia, Asturias e Cantabria; Carmen José López, avogada socia en Lustrum Abogados e mentora na Escola de Organización Empresarial; Sandra Amézaga Menéndez, secretaria de Mulleres Salgadas; Elisa Rubí Cano, de Adega Terra de Asorei e profesora de Química Analítica na USC; Silvia Chaves Freire, xerenta en Transportes e Madeiras Chaves, S. L.; Teresa Táboas Veleiro, arquitecta e administradora de Sementares, S. L.; Eva López Barrio, coordinadora do programa “Innovatia 8.3” da USC;  Catalina Fernández de Ana Portela, directora xeral de Hifas da Terra; Diana Lameiro Aznar, directora do Centro Lingoreta e Vanesa Redondo Fernández, promotora de Proplantae.

 “Pontevedra en América. Unha mirada en feminino” con homenaxe a María Vinyals

Como antesala da xornada, o día 19 inaugurarase no Castelo de Soutomaior a exposición “Pontevedra en América. Unha mirada en feminino” que poderá verse ata o 23 de outubro, organizada pola Deputación e a Cátedra da USC e que está en itinerancia por diversos concellos da provincia. Nela póñese en valor a historia de 13 mulleres na emigración, rescatando a súa experiencia e devolvéndolles o protagonismo que lles corresponde: María Vinyals, Isabel Barreto, Mercedes Ruibal, Teresa Táboas, Elena Colmeiro, Virxinia Pereira, Anisia Miranda, Lorena Lores, María Araújo, Josefa Emilia Sabor, Mariví Villaverde, Isabel Gómez e Nélida Piñón. En Soutomaior  realizarase unha homenaxe especial a María Vinyals, cunha conferencia a cargo de Silvia Cernadas xusto despois da inauguración da mostra.

Galerias de imaxes

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 21 resultados.