Deputación e Real Academia Galega celebran este sábado unhas xornadas para revitalizar a Lingua de Signos Galega

Debaterase sobre o ‘Informe Cero’ elaborado por Xoga sobre o que se queren sentar as bases da oficialización da LSG

22/11/2022

A Deputación de Pontevedra está a traballar no recoñecemento da Lingua de Signos Galega (LSG) e celebrará este sábado unhas xornadas da man da Real Academia Galega (RAG) para dar a coñecer a entidades, asociacións e persoas do colectivo o ‘Informe Cero’ sobre o que sentar as bases da súa oficialización.

Segundo explica a deputada de Lingua María Ortega, a LSG é unha lingua aínda non legalmente identificada no estado español - onde polo de agora só teñen esa categoría a española e a catalana-, e o obxectivo é que sexa valorada e recoñecida xa que así se cumprirán dous obxectivos primodiais: recuperar a identidade propia da comunidade xorda e con diversidade sensorial do país, e suplir tamén a carencia na formación que hai na lingua oral galega para esa comunidade.

O ‘Informe cero’, impulsado pola Deputación de Pontevedra e pola Organización de Diversidade Sensorial de Galicia Xoga, acaba de confirmar que a LSG existe, é unha realidade lingüística e non hai que creala. A análise preliminar subliña que a necesidade agora é recompoñela, recoller o que queda dela antes de que desaparezan as súas e os seus informantes, e revitalizala.

A investigación, coordinada por José María Pazos Abad e con Carlos Manuel Varela Ulla como investigador principal, aclara de maneira definitiva as dúbidas sobre a existencia real da LSG, que, de xeito habitual, utilizan de maneira histórica e a diario persoas xordas e con discapacidade auditiva, ademais das súas familias e das persoas que integran os centros e as asociacións en toda Galicia.

Ao acto do sábado están convidadas outras administracións de toda Galiza, colectivos e persoas da comunidade xorda co fin de xerar unha irmandade para traballar en conxunto. A apertura da xornada correrá a cargo da presidenta Carmela Silva e a deputada María Ortega da man do presidente da Real Academia Galega (RAG) Víctor Freixanes, e da presidenta da Organización de Diversidade Sensorial de Galicia  (Xoga), María Jesús Monterde García.

Programa

A xornada será conducida pola xornalista Selina Otero Verdes e comezará ás 9.45 horas co relatorio sobre ‘As linguas de signos’ a cargo de Inmaculada Concepción Báez Montero, doutora en Filoloxía Hispánica, profesora titular do Departamento de Lingua Española e investigadora principal do Grupo Griles da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

Despois será a quenda da investigadora Cristina González Abelaira, da Facultade de Formación do Profesorado da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que falará en concreto sobre a LSG, para pasar posteriormente a tratar como é o uso da LSG na vida diaria da man da Familia Vázquez, unha familia de ‘influencers’ da comunidade xorda moi activa na reivindicación dos dereitos lingüísticos da comunidade.

Despois do descanso presentarase formalmente o ‘Informe Cero. Análise preliminar para a revitalización da lingua de signos galega’ a cargo do investigador principal, Carlos Manuel Varela Ulla, e continuarase a xornada falando do ‘Proceso da lingua de signos catalá’, cun relatorio de  Ricard López Manzano, presidente da Federación Española de Sordoceguera (FESOCE), e de Santiago Frigola Segimon, profesor da universidade catalá especializado na difusión da lingua de signos catalá, que falarán de como a Lingua de Signos Catalá conseguiu a oficialización.

Ligazóns de interese