Noticias

Xosé Leal: "facer protagonistas do IKFEM 2018 ás mulleres intérpretes e compositoras engrandece aínda máis o festival"

O deputado de Cultura destacou que o encontro consolídase como un "referente cultural internacional" de colaboración transfronteiriza


11 xullo 2018
IKFEM

"Facer protagonistas do IKFEM 2018 ás mulleres intérpretes e compositoras engrandece aínda máis o festival". Así o manifestou hoxe o deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, na presentación da sexta edición do International Keyboard Festival & Masterclass (IKFEM) que se desenvolverá desde o 20 ao 24 de xullo baixo o lema ‘Women Sound', co obxectivo de dar visibilidade e render unha homenaxe ás mulleres intérpretes e compositoras.

Leal destacou que a cita está xa consolidada como un "referente cultural internacional" no ámbito da música, e resaltou que a Deputación de Pontevedra aposta decididamente polo seu futuro, xa que coa súa programación potencia varios dos eixes da política provincial: os nexos culturais comúns entre Galiza e Portugal, a colaboración transfronteiriza entre o Sur da provincia e o Norte luso e, tamén nesta edición, o fomento da igualdade. Neste sentido, Leal destacou a importancia de que a sexta edición conte con figuras tan importantes como Andrea González, María Ana Bobone, Susana de Lorenzo, Beatriz López-Suevos, Rosario Martínez, Andrea González, Cristina Pato, Rosa Torres Pardo, Rocío Márquez, Clara Muñiz, ou Najla Shami, que estivo na propia presentación do acto tocando a kalimba.

O deputado nacionalista explicou que o IKFEM 2018 será beneficiario dunha axuda económica dentro da liña de subvencións da Deputación do Ano da Lingua a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de festivais musicais e de artes escénicas na provincia, e lembrou que na pasada edición de 2017 recibira máis de 11.200 euros. O obxectivo destas axudas, segundo afirmou Xosé Leal, é colaborar nos certames que dediquen unha especial atención á programación e difusión da música galega.

As persoas integrantes da organización do IKFEM, pola súa banda, aseguraron na presentación que tivo lugar hoxe no Parador de Tui que no ‘IKFEM 2018: Women Sound' a música dará voz ás artistas máis recoñecidas do panorama galego, español e portugués pero, ao mesmo tempo, aspírase a traspasar o ámbito musical para xerar un punto de encontro social que convide a unha profunda reflexión sobre a igualdade de xénero.

O International Keyboard Festival & Masterclass da Eurociudad Tui–Valença, é un evento que, segundo explicaron, pretende ofrecer desde o seu nacemento propostas culturais cun marcado carácter transfronteirizo partindo da música de instrumentos de teclado. "IKFEM é sobre todo música, pero tamén é unha cita coa formación e unha oportunidade para descubrir o rico patrimonio cultural que atesouran as dúas marxes do río Miño, entre o suroeste de Galicia e o norte de Portugal", abarcando un amplo abanico de xéneros musicais (medieval, barroco, clásico, electrónico, jazz, lírico, pop, indie, rock, folclórico e sinfónico).

En cada edición, o festival reúne eventos musicais e formativos nos que se inclúen master classes, workshops, obradoiros infantís e concertos sempre centrados na familia dos instrumentos de teclado: piano, fortepiano, órgano, organetto, clave, acordeón, zanfona, keytar, clavisimbalum, viola de teclas e teclado electrónico.

Cristina Pato, novidade nas máster class

O apartado formativo é dos grandes eixos do IKFEM e conta cun formato pensado tanto para músicos profesionais e de iniciación cunha oferta de clases de piano clásico, órgano, clave, piano jazz, piano repertorista para canto e piano barroco. Como novidade deste ano programouse un encontro sobre emprendemento cultural a cargo de Cristina Pato, que falará sobre a súa maneira de entender o rol do artista na sociedade do século XXI a través dunha conferencia na que explorará os diferentes proxectos e iniciativas nos que traballa como artista independente, como asesora de educación para o Silkroad de Eu-Eu Ma ou como artista en residencia para universidades como Harvard.

Ata o de agora, nas máster class das cinco edicións realizadas do festival participaron máis de 100 alumnos procedentes de nove países diferentes.

Hai que resaltar que o IKFEM'18 realizará este ano unha inauguración solidaria con Paramos e Guillarei no paseo fluvial de Tui, onde a partir das 18.30 horas do venres día 20 se instalarán varias áreas de espallamento (zona ioga, zona infantil, zona kaiak e zona foodtruck) para recadar fondos para as persoas afectadas pola explosión.

Nesta primeira xornada estarán presentes Najla Shami co seu traballo Latitudes (a partir das 19.00 horas, Andrea González (20.30 h.), Julio Resende, Amalia, Fado-Further (21.30 h) e Ghost Beast, co seu traballo Winter's horn (23.00 h). Pode consultarse a programación completa en https://www.ikfem.com/confirmaciones.