A Deputación mobiliza preto de 10 millóns en novos recursos aos concellos, infraestruturas, cohesión social e fondos europeos

Carmela Silva: “Seguimos co apoio aos concellos e ás entidades para garantir dereitos e servizos en todos os eidos e avanzar, así, na transformación desta provincia”

10/03/2023

Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación vén de mobilizar outros 9,8 millóns de euros “para o apoio aos concellos da provincia” en materia de cooperación, infraestruturas, promoción económica e fondos europeos, e tamén de respaldo ás asociacións en materia de cohesión social. Da citada cifra, como avanzou a presidenta provincial Carmela Silva, 3,1 millóns están destinados a novas achegas do Plan Concellos e tamén a mesma cantidade á mellora de sete estradas provinciais baixo o modelo de mobilidade amable e sostible. Amais, en fondos europeos mobilízanse 2,5 millóns para proxectos de instalacións xeotérmicas sostibles, instalacións de biomasa, iluminación exterior sostible e para “Da Túa Man Rural”, e case medio millón destínase ao programa “En Ruta coa Depo”. Así mesmo, adxudicouse outra parcela do polígono de Barro por máis de 280.000€.

No que se refire ao Plan Concellos, aprobáronse un total de 18 achegas para 12 municipios e na Liña 1 de Investimentos a de maior contía é para Sanxenxo, con 866.427€ que se destinarán ao financiamento do plan de asfaltado de viarios municipais. Por outra banda, Meaño contará con 383.186€ para financiar a mellora e pavimentación dos camiños en Vista Alegre, A Toxa, Freixeiro, Os Pasales, Tanoira, Río da Vila, Broullón, Eiravedra, Morouzos e rúa dos Colexios, mentres que Cambados contará con 243.415€ para financiar a mellora de camiños rurais nas parroquias de Corvillón, Vilariño e Castrelo. Para o municipio de Bueu aprobáronse dúas achegas, unha de 237.828€ para financiar o proxecto de urbanización da contorna da Casa de Música e outra por 107.753€ para financiar a ampliación da rede de saneamento e abastecemento no lugar de Cabreira.

Así mesmo, Cangas contará con dúas achegas, unha de 234.999€ para costear o proxecto de obras para a mellora da cuberta e graderío do Estadio Municipal de Atletismo e outra de 67.926€ para financiar a pavimentación da rúa Preguntoiro-Coiro-Viñó; Oia terá 236.350€ para o cambio de céspede no campo de fútbol de As Tornas; O Grove recibirá 158.916€ para costear o soterramento de instalacións, separación de residuais e pluviais e humanización da rúa Oscura; Dozón, 119.779€ para financiar a renovación de formigón de rúas interiores nos lugares de Quintá, Seixas, Cubelos e O Castro;  Vilagarcía, 117.532€  para a reforma do mercado de Vilaxoán e Nigrán, 113.311€ para a mellora de camiños e ampliación da rede de saneamento en Chandebrito.

No que atinxe á Liña2 de amortizacións de gastos e de actividades socioculturais, Oia contará con 140.082€ con destino ao financiamento do gasto corrente correspondente á limpeza de edificios públicos e tratamento de residuos urbanos; Vilagarcía, con 120.362€ para financiar a realización de actividades culturais, sociais e deportivas; O Grove, 75.611€ para costear a prestación de servizos municipais e a realización de actos culturais, deportivos, sociais; Cerdedo-Cotobade recibirá 71.432€ con destino ao financiamento de varias actividades;  As Neves, 70.145€ para financiar actividades culturais  e Bueu, 62.626€ para costear o servizo de iluminación pública.

En materia de Infraestruturas, aprobáronse os expedientes de contratación para licitar actuacións, entre elas a ampliación de obras de drenaxe na EP-8504 Forno-Cernadas, no Concello de Valga, cun orzamento de 290.782€ e a reposición de firme na EP6410 Bodaño-Merza, en Vila de Cruces, na que se investirán 465.874€. No concello de Forcarei intervirase en dúas estradas na contorna de Soutelo: dunha banda, abordarase unha actuación na EP7204 Soutelo-Ratel, cun orzamento de 361.143€ para repoñer o firme en máis de catro quilómetros e, por outra banda, mellorarase a mobilidade peonil na EP-7203 para transformar o casco urbano de Soutelo por 345.823€. Amais, deu luz verde ao proxecto de execución da mellora da seguridade viaria nun tramo de 11 quilómetros da EP-2703 Pazos de Borbén-Ponteareas que transcorre por ambos concellos, cun orzamento de 789.520€. Tamén se aprobou o expediente para contratar en Gondomar a segunda fase da mellora da seguridade viaria da EP2403 Mosende-Morgadáns, que abranguerá 5,5 quilómetros cun orzamento de 617.265€, e na Illa a mellora da seguridade viaria na EP 9801 Ponte-A Laxes, por 293.461€.

Na sesión da Xunta aceptáronse tamén as axudas de fondos europeos para os proxectos de Instalacións xeotérmicas sostibles nos municipios da Cañiza e A Illa de Arousa, do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), cun orzamento de 410.913. Tamén a do proxecto Da túa Man Rural, concedida polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo no marco do plan de recuperación para o apoio da actividade comercial en zonas rurais. Cun orzamento de 784.905€, esta iniciativa beneficiará aos concellos de Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Pontecesures e Rodeiro. Ademais, adxudicáronse por 343.433 € as obras de renovación das instalacións de uso térmico de biomasa nos concellos de Cangas, A Cañiza, Portas, Redondela, Tomiño e Vilaboa e aprobouse o expediente de contratación para adxudicar os traballos de renovación das instalacións de iluminación exterior en Tomiño, tui, O Porriño, Pazos de Borbén, Arbo, Meis, Meaño e Vilanova de Arousa, por 993.569 €.

No eido de Cohesión social adxudicouse o servizo de xestión, desenvolvemento e execución do programa En Ruta coa Depo 2023, que este ano ten un orzamento de 479.450€ e ofrece un total de 20.000 prazas. Como explicou Carmela Silva, a través desta iniciativa, as persoas de entidades da provincia poden elixir entre 33 rutas por lugares emblemáticos “a fin de favorecer o envellecemento activo e o coñecemento da provincia”, coas novidades dos itinerarios da Illa de Tambo e o denominado Galaicos, polo museo e o xacemento de Castrolandín en Cuntis, dirixida especificamente para Anpas. Agora mesmo está aberto o prazo de inscrición, que finaliza o 14 de marzo. Desde 2016 participaron neste programa 93.000 persoas.

Por último, en materia de promoción económica, aprobouse a adxudicación á empresa Transfrío Rías Baixas S.L. da parcela A-18 do polígono industrial Outeda-Curro de Barro, por 280.664€. A presidenta provincial lembrou neste eido que na provincia “hai unha enorme demanda de chan industrial. Quixera que a Xuntade Galicia tomara nota e  puxera en marcha proxectos potentes porque Barro está a piques de rematar coa posibilidade de ofertar solo industrial”. “Aínda que non era a nosa competencia, que é da Xunta –indicou Carmela Silva-, púxose en marcha este polígono. Gustaríame que o tiveran en conta e puxeran en marcha moitos proxectos que están paralizados e comprometidos desde hai tempo. En cada período electoral veñen a prometernos chan industrial e nunca se fai. Como estamos de novo en período electoral, encantaríame que en lugar de anunciar, confirmen que os van poñer en marcha xa”.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 16 resultados.