Noticias

Xunta E CIM Alto Minho comprométense a traballar na mellora das liñas de transporte transfronteirizas

Uxío Benítez explicou que as principais medidas serían a ampliación das liñas de autobuses comarcais e a coordinación de horarios e paradas


12 setembro 2019
Compromiso liñas de transporte

O director da AECT Rio Minho, Uxío Benítez, mantivo unha reunión con representantes dos gobernos galego e portugués dentro da convocatoria de encontros impulsada pola iniciativa europea B-Solutions, que ten por obxectivo superar os atrancos legais e administrativos que afectan á mobilidade entre os dous países, na que tamén estivo presente a experta xurídica asignada pola Comisión Europea, María Gamayo.

No encontro participaron o director xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Ignacio Maestro; o subdirector xeral de Ordenación do Transporte, Antón García Río, e representantes da CIM Alto Minho e da Autoridade de Mobilidade e Transporte de Portugal, así como o subdirector de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza, Xosé Lago García, e o coordinador de Cooperación do CCDR-n, Nuno Almeida.

O principal acordo acadado na xuntanza, segundo explicou o director da AECT Rio Minho e deputado provincial, Uxío Benítez, foi o compromiso de traballar conxuntamente na extensión das liñas de transporte públicas procedentes de Vigo e Viana do Castelo ata concellos da fronteira como Valença e Vigo, respectivamente. Así mesmo, tamén se viu a necesidade de coordinar os horarios e paradas entre os concellos de Monçao e Salvaterra de Miño, Vila Nova de Cerveira e Tomiño e Valença e Tui, de xeito que unha liña que por exemplo chega a Monçao poida coordinarse cunha que saia desde Salvaterra de Miño.

O proxecto Boosting Minho River Cross-Border Mobility depende da convocatoria da Comisión Europea B- Solutions, unha iniciativa destinada a acabar coas barreiras de carácter administrativo e legal detectadas nas fronteiras en áreas como o emprego, a saúde, o transporte, o plurilingüismo ou a cooperación institucional, e está orientada principalmente a entidades públicas. A AECT Rio Minho foi unha das 20 entidades europeas que recibiu esta subvención, que conta cun orzamento de 25.000 €.