Noticias

Preto de 1.100 persoas participan nas excursións do programa da Deputación "En ruta coa Depo" 2019

Veciñas e veciños de 11 concellos percorren esta semana recursos turísticos da provincia grazas ao programa da institución provincial


04 xuño 2019
En ruta coa Depo

O programa "En ruta coa Depo" 2019 organiza esta semana 16 novas excursións nas que participarán preto de 1.100 persoas de once concellos da provincia. En concreto serán 1.080 veciñas e veciños dos concellos de Arbo, Pontevedra, A Estrada, Mos, Bueu, Vigo, Baiona, Vilagarcía de Arousa, Tui, Vilanova de Arousa, A Guarda e Santiago de Compostela.

Máis polo miúdo, hoxe martes 4 de xuño, 54 persoas da Coral Polifónica de Arbo van visitar Arousa, coñecerán a Illa da Toxa, farán un percorrido en barco pola ría de Arousa (con degustación); e, tamén, irán ao Grove, ao Museo da Salga, e darán un paseo pola zona e polo xacemento da Lanzada. Pola súa banda, o mércores 5, 54 persoas da Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos coñecerán Pendellos de Agolada; e Vila de Cruces: Museo A Solaina de Piloño, Fundación Xosé Neira Vilas e igrexa de San Salvador e Camanzo.

No que respecta ao sábado, 54 persoas da Asociación de Mulleres Poza da Moura percorrerán a comarca de Pontevedra, o mosteiro de Poio, a igrexa de Augas Santas e fonte medicinal, en Cerdedo-Cotobade; e a praia fluvial, en Ponte Caldelas. Ese mesmo día, outras 54 persoas da Asociación Cultural de Mulleres Rurais San Xurxo de Vea visitarán Forcarei: mosteiro de Aciveiro; e Silleda: castro de Toiriz, mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro e fervenza do río Toxa. Tamén, 54 persoas da Asociación Centro Social Cultural e Deportivo As Pedriñas coñecerán Meis: o mosteiro de Armenteira, a Ruta da Pedra e da Auga, os muíños do Batán, o monte do Castro e o pazo de Señoráns. Ademais, 108 persoas do Club de Xubilados e Pensionistas Vila de Bueu farán a ruta pola Guarda: castro de Santa Trega; e Tui: conxunto histórico, monte Aloia e Alto dos Cubos. Por outra banda, 54 persoas da Asociación de Veciños As Nosas Rúas de Vigo van visitar Arousa, coñecerán a Illa da Toxa, farán un percorrido en barco pola ría de Arousa (con degustación); e, tamén, irán ao Grove, ao Museo da Salga, e darán un paseo pola zona e polo xacemento da Lanzada. Tamén o sábado, 54 persoas da Asociación Folclórica Ardelume de Baiña coñecerán Pontevedra: o conxunto histórico, o Museo de Pontevedra e a illa do Covo.

Por outra banda, o domingo, 108 persoas da Asociación de Mulleres en Igualdade de Vigo visitarán Pendellos de Agolada; e Vila de Cruces: Museo A Solaina de Piloño, Fundación Xosé Neira Vilas e igrexa de San Salvador e Camanzo. Tamén, 108 persoas da Asociación de Veciños Plaza da Miñoca e outras 54 persoas da Asociación Illa Cortegada coñecerán A Guarda: castro de Santa Trega; e Tui: conxunto histórico, monte Aloia e Alto dos Cubos. No que respecta á Asociación Cultural San Fins de Rebordanes de Tui, 54 persoas farán o seu percorrido por Barro: parque da natureza do río Barosa; Portas: miradoiro do val; Valga: xacemento da igrexa vella de Santa Comba de Louro; e Catoira: Torres de Oeste. Ademais, 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais San Xoan de Santeles van visitar Arousa, coñecerán a Illa da Toxa, farán un percorrido en barco pola ría de Arousa (con degustación); e, tamén, irán ao Grove, ao Museo da Salga, e darán un paseo pola zona e polo xacemento da Lanzada. Outras 54 persoas da Asociación Cultural Amigos da Música San Cristóbal farán a súa ruta polas illas Cíes e polo barrio mariñeiro do Berbés en Vigo. E, por último, 108 persoas da Asociación Érguete e outras 54 persoas da Asociación de Veciños e Veciñas Ameixoa visitarán a Illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo.

O programa "En ruta coa Depo" 2019 oferta este ano 20.000 prazas e 32 rutas para gozar dun día de convivencia, con xantar e transporte incluídos, por lugares emblemáticos da provincia.  En liñas xerais, a través desta iniciativa a Deputación pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Tamén dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, así como promover os recursos máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno.


Novas relacionadas

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra

25 novembro 2018, cohesión social, xunta de goberno, en ruta coa depo, economía