Noticias

O Goberno da Deputación aproba o proxecto das obras para a adaptación da Escola de Cantería

Con estas obras a institución provincial poñerá en marcha o proceso necesario para que a Escola poida ter titulacións oficiais


09 agosto 2019
Carmela Silva

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou o proxecto básico e de execución e realización das obras de adaptación da Escola de Cantería á normativa vixente. Os traballos previstos, que terán unha duración de seis meses, son fundamentais para acadar o obxectivo da institución provincial de que a Escola poida impartir titulacións oficiais.

Carmela Silva explicou que "cando licitamos o proxecto xa informei que todos os espazos e instalacións da Escola teñen que cumprir coa normativa, que é imprescindible para despois facer diferentes actuacións. E, desde logo, para poder poñer en marcha todo o que significa que a Escola poida ter titulacións oficiais, tanto a nivel galego coma estatal, é fundamental ter estas obras realizadas. E tamén para poder solicitar licenza, xa que é un paso vinculante para poder facelo". Nese sentido, a presidenta da Deputación lembrou que o actual Goberno da Deputación herdou a Escola de Cantería sen a licenza de actividade, "e iso impide tomar moitas decisións que son fundamentais. Pouco interese tiña o anterior Goberno, que en corenta anos nin sequera redactaron un proxecto para poder solicitala, o que amosa unha forte irresponsabilidade".

Máis polo miúdo, os traballos que realizará a adxudicataria, Civis Global S. L. U., e que teñen un orzamento de máis de 400.000 euros, comprenden distintas actuacións centradas no illamento acústico e na mellora das condicións de accesibilidade e seguridade do centro, así como na instalación eléctrica.