Noticias

Elena Buch fotografía a vida cotiá nos campamentos saharauis

A exposición "Sáhara é nome de muller" pódese visitar no Centro Cultural de Ponte Caldelas durante todo o mes


05 xullo 2019
Ponte Caldelas
Exposición Ponte Caldelas

De acolledora a acollida. A caldelá Elena Buch pasou de recibir a un neno do Sáhara durante varios anos a devolvela visita ao campamento de El Aaiun (Arxelia) cando o rapaz cumpriu os 12 anos. Foi no ano 2016 e daquela experiencia dunha semana convivindo con unha familia en pleno deserto, saíu a exposición que pode verse no Centro Cultural de Ponte Caldelas durante todo este mes de xullo.

A mostra foi inaugurada hoxe polo alcalde, Andrés Díaz, acompañado de varios concelleiros do equipo de goberno. Durante a presentación, a fotógrafa explicou a situación dos campamentos saharauis, instalados hai uns 50 anos no territorio arxelino e nos que o pobo saharaui sobrevive en condicións moi precarias.

A exposición consiste en 30 fotografías que reflicten a vida dunha familia con dous homes e cinco mulleres. A meirande parte das imaxes a cor, pero tamén unha pequena parte en branco e negro, con copias positivadas pola autora.

O título derívase directamente da reivindicación do papel das mulleres trala convivencida no seo dunha familia moi conservadora, ademais da propia condición de Elena, que daquela estaba embarazada.

A autora explicou que a súa participación no programa Vacacións en Paz levouna a tomar conciencia da problemática dun pobo que continúa sen ver recoñecidos os seus dereitos e que sobrevive nun dos lugares máis inhóspitos da terra.

Na súa opinión os saharauis son pura fermosura, xente que leva a hospitalidade ao extremo non só de compartir o pouco que teñen, senón mesmo a ofrecer o que non teñen. Esa é a razón que explica que teñan logrado sobrevivir nunhas condicións tan duras.

Elena Buch estudou Artes e Oficios, tamén Belas Artes e Restauración e ten participado en varias exposicións individuais e colectivas. Sen embargo é a primeira vez que expón as súas fotografías en Ponte Caldelas.