#XUVENTUDE

Practicum Depo

Erasmus+

É un programa da Unión Europea, financiado pola Comisión Europea, que apoia unha ampla serie de actividades nos ámbitos da educación, a formación, a xuventude e o deporte.


Erasmus+ ten como obxectivo mellorar as cualificacións e o emprego, así como modernizar a educación, a formación e o traballo xuvenil.

Dentro do ámbito da formación e a educación apoia a mobilidade transnacional nos seguintes ámbitos educativos:

A nivel estatal o Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) é o organismo encargado da xestión, difusión e promoción do programa Erasmus+ no ámbito da educación e a formación (2014-2020); así mesmo, coordina e participa en proxectos nacionais e internacionais.

Convocatorias

Estas convocatorias teñen por obxecto acadar a adhesión de centros de FP da provincia de Pontevedra que impartan especialidades de grao básico, grao medio e certificados de profesionalidade dos niveis I, II e III, e que estean inscritos no Rexistro Estatal de Centros Docentes non Universitarios (RCD), para formar un consorcio de mobilidade e presentarlle de forma conxunta unha solicitude de proxecto ao Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), dentro da convocatoria de propostas do programa “Erasmus+”. Así o alumnado recentemente titulado e o persoal docente e non docente que traballe en educación e formación profesional dos centros adheridos poderá realizar prácticas en países do programa “Erasmus+” ou en terceiros países asociados a este.

Erasmus+ 2024
Erasmus+ 2023
Erasmus+ 2022
Erasmus+ 2021
Erasmus+ 2020
Erasmus+ 2019
Erasmus+ 2018

Subvencións concedidas

Erasmus+ 2017

Subvencións concedidas

Erasmus+ 2016

Subvencións concedidas

Erasmus+ 2015

Subvencións concedidas

Estudiantes

Requisitos

Poderán participar as persoas recentemente tituladas de ciclos medios de Formación Profesional de calquera centro educativo que sexa socio do proxecto Practicum Depo 2015 durante o seguinte ano ao de finalización dos seus estudos, sempre que sexan seleccionadas durante o último curso académico da súa formación. . 

A persoa recentemente titulada debe iniciar e finalizar a mobilidade durante os 12 meses posteriores á data de obtención da súa titulación (data da firma das actas de avaliación), residir no noso país e ser maior de 18 anos.

Selección

O centro educativo realiza a selección do estudantado en función do número de mobilidades concedidas ao centro. A Deputación de Pontevedra participa tamén no proceso selectivo.

A selección realízase por procedementos equitativos, transparentes e igualitarios baseándose nos seguintes criterios de selección:

  • Cumprimento dos requisitos establecidos no programa Erasmus+ (si/non)
  • Adecuación da titulación e o perfil (30 %)
  • Coñecemento de idiomas no nivel requirido (20 %)
  • Expediente académico (30 %)
  • Méritos (10 %)
  • Entrevista persoal (10 %)
Oportunidades 

A participación no proxecto ofrécelles aos estudantes a posibilidade de realizar prácticas formativas nun país estranxeiro durante un período aproximado de seis meses e medio para:

  • Mellorar a súa competencia nunha lingua estranxeira
  • Mellorar as súas competencias vinculadas ao seu perfil profesional
  • Aumentar a súa empregabilidade
  • Mellorar as súas expectativas laborais, facilitándolles a transición do ámbito da educación e a formación ao mercado laboral

Para acadar estes resultados as persoas beneficiarias contarán con:

  • Axuda para a viaxe de ida e a de volta ao destino das prácticas
  • Preparación lingüística antes e durante a mobilidade
  • Prácticas en empresas
  • Axuda para o aloxamento e a manutención na cidade de destino das prácticas
  • Titorización do programa de prácticas
  • Supervisión do programa de prácticas
  • Seguro de viaxe

A formación realizarase en empresas ou noutras entidades (por exemplo, administracións públicas ou organizacións non gubernamentais) para adquirir experiencia laboral.

Os países de destino previstos inicialmente para realizar as prácticas son Reino Unido, Finlandia, Francia e Italia.

Mobilidade

Características

  • Duración: A duración prevista para cada mobilidade é de 196 días (28 semanas) como máximo.
    As prácticas que se realizan na empresa ou organismo son de 194 días, xa que a mobilidade contempla un día para a viaxe de ida e outro para a viaxe de volta.
  • Destino: Reino Unido, Irlanda, Italia, Malta, Portugal, Alemaña, Romanía, Chipre, Bulgaria, Polonia, Eslovaquia, Grecia, Suecia, Eslovenia, Finlandia, Países Baixos, Noruega, Dinamarca, Islandia e Francia

Axuda

Cada participante recibe unha axuda de apoio individual, destinada a cubrir os gastos de aloxamento, manutención, seguro e transportes locais, e unha axuda para os gastos da viaxe, para o desprazamento de ida e volta entre a cidade de orixe e a de destino.

A axuda destinada ao apoio individual calcúlase en función do número de días da mobilidade e das táboas establecidas para cada país. 

A axuda para os gastos da viaxe é unha cantidade fixa que se establece en función da distancia en quilómetros desde a cidade de orixe ata a de destino.

A axuda de mobilidade, tanto a de apoio individual coma a da viaxe, pode non cubrir todos os gastos nos que incorran as persoas participantes.

A axuda financeira non pode usarse para cubrir gastos xa financiados polos fondos europeos.

A empresa de prácticas é libre á hora de decidir pagarlle ao participante algunha axuda económica para sufragar os gastos da estancia. Esta axuda, no caso de existir, é compatible coa que presta o programa Eramus+.

A axuda de mobilidade que lles concede a Deputación de Pontevedra ás persoas participantes, financiada co apoio da Comisión Europea, é compatible con calquera outra fonte de financiamento, incluíndo os ingresos que poidan recibir traballando ao mesmo tempo que realizan os seus estudos ou prácticas, sempre e cando desenvolvan as actividades descritas no "Acordo de aprendizaxe Erasmus+" para a mobilidade de estudantes e as prácticas.

Financiamento da axuda de mobilidade

As axudas de mobilidade concedidas ás persoas participantes están financiadas co apoio da Comisión Europea.

Períodos de pagamento das axudas

Nos 30 días posteriores á firma do convenio de subvención "Erasmus+ Formación Profesional para estudos e/ou prácticas entre a Deputación de Pontevedra e a persoa participante" e non máis tarde da data de inicio do período de mobilidade ou tras a recepción da confirmación da chegada, realizaráselle o primeiro pago de prefinanciamento ao participante, equivalente ao 80 % do importe da axuda de mobilidade.

Obrigas

Antes da mobilidade:

  • Realizar o test en liña inicial de coñecemento de idioma do país de destino
  • Asinar o Modelo de convenio de subvención Erasmus+ Formación Profesional para estudos e/ou prácticas
  • Asinar o Acordo de aprendizaxe Erasmus+ para mobilidade para estudos e prácticas (Learning Agreement)
  • Asinar o Compromiso de calidade Erasmus+ para mobilidade para estudos e prácticas (Quality Commitment)

O cumprimento de todas estas obrigas é indispensable para poder recibir o importe total da axuda. Poderáselles esixir aos estudantes que non presenten os informes o reembolso total ou parcial da subvención recibida.

Durante a mobilidade

  • Cumprir con todos os compromisos derivados do convenio de subvención (Modelo de convenio de subvención Erasmus+ Formación Profesional para estudos e/ou prácticas) e outros acordos negociados para a súa estancia e facer todo o que estea na súa man para que a estancia sexa satisfactoria.
  • Comunicar calquera modificación ou cambio nas condicións da mobilidade.
  • Comunicarlles, o máis axiña posible, a todas as entidades participantes na mobilidade calquera incidencia significativa ou situación excepcional e imprevisible que se produza.
  • Cumprir coas normas e/ou regulamentos da empresa ou organismo de acollida das prácticas e cos seus códigos de conduta e confidencialidade.
  • Asegurarse de que a organización intermediaria lle remite á Deputación de Pontevedra o seu certificado de incorporación ás prácticas (Enrolment Certificate) no prazo de 15 días desde a incorporación.
  • Asegurarse de que todos os documentos e as súas modificacións que interveñen na mobilidade lle son remitidos en prazo pola organización intermediaria e a empresa de prácticas á Deputación de Pontevedra.
  • Seguir formándose mediante a plataforma OLS (Online Linguistic Support) durante toda a mobilidade, accedendo frecuentemente e facendo uso dos recursos nela ofertados.
  • Asegurarse de que a organización intermediaria lle remite á Deputación de Pontevedra o seu certificado de fin de estancia na empresa de prácticas.
  • Manter activas todas as contas de correo electrónico, os teléfonos e os datos de contacto subministrados e, no caso de producirse algún cambio, comunicárllelo a todas as entidades que interveñen na mobilidade no prazo de 48 horas.
  • Remitirlles por correo electrónico, ao longo da primeira semana de prácticas, tanto á Deputación coma ao centro educativo, os datos de contacto do titor ou a titora de prácticas na empresa ou institución de acollida das prácticas.
  • Participar regularmente no grupo de LinkedIn do proxecto para compartir experiencias, enquisas de satisfacción e para un aproveitamento en liña.
  • Presentar na empresa de prácticas, ao finalizar o período de formación, un informe final detallado sobre as actividades realizadas e as tarefas completadas.

O cumprimento de todas estas obrigas é indispensable para poder recibir o importe total da axuda. Poderáselles esixir aos estudantes que non presenten os informes o reembolso total ou parcial da subvención recibida.

Finalizada a mobilidade

  • Realizar unha proba de avaliación en liña da competencia lingüística adquirida. Quince días antes da data final da mobilidade os participantes recibirán automaticamente un correo electrónico desde a plataforma para realizar esta proba, que deberá completarse no prazo dun mes desde a recepción do correo.
  • Cubrir e enviar un informe en liña (EU Survey). A data límite para o envío non superará os 30 días naturais desde a finalización da súa estancia, xa que se pecha a aplicación. O participante recibirá por e-mail, desde o enderezo replies-will-be-discarged@ec.europa.eu e co asunto "Erasmus+ individual participant report request", a notificación para realizar o informe, que é un cuestionario web con diferentes formatos.
  • Enviarlles á Deputación de Pontevedra e ao centro educativo de orixe o informe final detallado sobre as actividades realizadas e as tarefas completadas na empresa.

O cumprimento de todas estas obrigas é indispensable para poder recibir o importe total da axuda. Poderáselles esixir aos estudantes que non presenten os informes o reembolso total ou parcial da subvención recibida.

Outras obrigas:

  • Recompilar, custodiar e remitir todos os documentos xustificativos dos gastos realizados durante a mobilidade que son obxecto de axuda por parte do programa, coma facturas, xustificantes bancarios de pagamento, tarxetas de embarque ou alugamento, que lle serán reclamados pola Deputación de Pontevedra durante a mobilidade ou no mes seguinte ao da finalización desta.
  • A conta bancaria que figura na solicitude do participante debe permanecer activa incluso despois de terminar a mobilidade, ata recibir a última transferencia.
  • Comprobar asiduamente a conta de enderezo electrónico á que se envían todas as comunicacións e ver que non se rexeitan as mensaxes entrantes.
  • Para calquera comunicación coa Deputación de Pontevedra a través do correo electrónico no inicio da mensaxe incluiranse sempre o nome e apelidos, a cidade de destino e a empresa de prácticas.
  • Cumprir con todos os requisitos de envío e/ou elaboración de todas as memorias, informes ou documentos solicitados pola Deputación de Pontevedra ou por outro socio, necesarios para a xestión da mobilidade, tanto durante coma despois da súa realización.

O cumprimento de todas estas obrigas é indispensable para poder recibir o importe total da axuda. Poderáselles esixir aos estudantes que non presenten os informes o reembolso total ou parcial da subvención recibida.

Idiomas

Antes da mobilidade: Non se esixe un coñecemento mínimo dos idiomas do país de destino; non obstante, a empresa de acollida poderá establecer un nivel mínimo. Hai que ter en conta que un coñecemento básico vai ser necesario para poder desenvolverse no día a día.

Probas de nivel : O participante deberá realizar unha avaliación en liña da súa competencia lingüística (ao inicio e ao final do período de mobilidade) se a lingua principal de ensinanza ou traballo é alemán, francés, inglés ou italiano, ou cando así se acorde, salvo que sexa nativo da lingua en cuestión. Se un participante non realiza a avaliación inicial das súas competencias non poderá comezar a súa mobilidade.

A avaliación realízase a través da plataforma OLS.

Apoio lingüístico: ferramenta OLS

O programa ofrécelles apoio lingüístico aos participantes mediante a ferramenta en liña Online Online Linguistic Support (OLS), dispoñible en alemán, francés, inglés, italiano e neerlandés.

O apoio lingüístico en liña comprende dúas facetas: a avaliación das competencias lingüísticas (ao inicio e ao final da mobilidade), mediante un test en liña de carácter obrigatorio e a posibilidade de seguir formándose mediante a plataforma durante a mobilidade. O uso da ferramenta OLS non ten ningún custo para os participantes.

A preparación lingüística pode realizarse na lingua oficial do país de destino ou de traballo.

Guía de viaxe

Seguro de viaxe

Para garantir a seguridade cada persoa participante ten que contar cun seguro de viaxe que contemple: gastos médicos, cirúrxicos, farmacéuticos, de hospitalización, de ambulancia, rde epatriación ou transporte de feridos, enfermos ou falecidos, desprazamento dun acompañante e gastos de estancia, de regreso no caso de falecemento dun familiar, de envío de medicamentos, de accidentes, de enfermidade, invalidez e responsabilidade civil durante toda a mobilidade.

A maiores, cada persoa participante deberá tramitar a tarxeta sanitaria europea, no caso de ter dereito a ela.

Tarxeta Sanitaria Europea

A Tarxeta Sanitaria Europea (TSE) é o documento persoal e intransferible que acredita o dereito a recibir as prestacións sanitarias necesarias, desde un punto de vista médico, durante unha estancia temporal no territorio do Espazo Económico Europeo ou en Suíza, tendo en conta a natureza das prestacións e a duración da estancia prevista, de acordo coa lexislación do país de estancia, independentemente de que o obxecto dela sexa o turismo, unha actividade profesional ou académica.

É moi recomendable que as persoas participantes na mobilidade obteñan a Tarxeta Sanitaria Europea.

Inmersión cultural e laboral

Documentos

Relacionados coa mobilidade

  • Convenio de subvención Erasmus+ Formación Profesional para estudos e/ou prácticas
    Recolle as condicións particulares da mobilidade, o acordo de aprendizaxe, as condicións xerais do convenio e o compromiso de calidade.
  • Acordo de Aprendizaxe Erasmus+ para mobilidade para estudos e prácticas (Learning Agreement)
    Concreta as prácticas que vai realizar cada unha das persoas participantes.
  • Compromiso de calidade Erasmus+ para mobilidade para estudos e prácticas (Quality Commitment)
    Establece as obrigas de cada unha das partes que interveñen na mobilidade.
  • Certificado de incorporación ás prácticas (Incorporation Certificate)
    Xustifica o inicio do período de prácticas da mobilidade.
  • Certificado de fin de estancia na empresa de prácticas (Certificate of Attendance)
    É emitido pola empresa de prácticas e xestionado pola organización intermediaria logo de finalizar as prácticas.
  • Europass
    Rexistra formalmente os períodos de aprendizaxe ou formación realizados polo titular en países distintos ao seu, que lle é entregado a cada participante logo da finalización da mobilidade. Máis información dispoñible na sección "Outros documentos de interese".
  • Diploma de aproveitamento de prácticas no estranxeiro
    É emitido pola propia Deputación de Pontevedra.

Outros documentos de interese

Europass (http://www.sepie.es/iniciativas/europass/index.html )
É un expediente persoal, composto por cinco documentos, que os cidadáns poderán utilizar con carácter voluntario para comunicar e presentar, de xeito claro e sinxelo, as aptitudes, titulacións e certificacións adquiridas ao longo da vida en toda Europa (Unión Europea, Área Económica de Libre Comercio, Espazo Económico Europeo e países candidatos), sempre que desexen buscar traballo ou solicitar a admisión nalgún programa educativo ou formativo.

A formación práctica recibida se lle recoñece a cada persoa participante mediante os seguintes instrumentos de recoñecemento da formación e as competencias adquiridas durante a mobilidade:

  • Documento de mobilidade Europass, tramitado pola Deputación de Pontevedra e expedido polo Centro Nacional Europass
  • Certificado de fin de estancia na empresa, expedido pola empresa ou organización de prácticas
  • Diploma de aproveitamento de prácticas no estranxeiro, expedido pola Deputación de Pontevedra

Preguntas frecuentes

Que é o programa Eramus+?

É un programa de mobilidade organizado pola UE e xestionado pola Comisión Europea para permitirlles ás persoas participantes aumentar as súas oportunidades no ámbito da educación e da formación a través de diferentes accións clave.

Cales son os obxectivos do proxecto Practicum Depo 2015?

Aumentar as oportunidades de formación no estranxeiro do alumnado de Formación Profesional e proporcionarlle as habilidades necesarias para a transición do ámbito da educación e a formación ao mercado laboral.

Que lles ofrece ás persoas participantes o proxecto Practicum Depo 2015?

A posibilidade de realizar prácticas formativas nun país estranxeiro (non se inclúen as prácticas no mesmo país no que se están a formar) durante un período aproximado de seis meses e medio, mellorar a súa competencia lingüística nunha lingua estranxeira e as competencias vinculadas ao seu perfil profesional.

Máis polo miúdo:

  • Axuda para a viaxe de ida e a de volta
  • Preparación lingüística antes e durante a mobilidade
  • Prácticas en empresas
  • Axuda para o aloxamento e a manutención
  • Titorización do programa de prácticas
  • Supervisión do programa de prácticas
  • Seguro de viaxe

Que persoas poden participar no proxecto Practicum Depo 2015?

Estudantes de ciclos medios de Formación Profesional de calquera centro educativo socio do proxecto Practicum Depo 2015. Tamén poderán facelo as persoas recentemente tituladas durante o seguinte ano ao de finalización dos seus estudos, sempre que sexan seleccionadas durante o último curso académico da súa formación. 

Deben iniciar e finalizar a mobilidade durante os 12 meses posteriores á data da súa titulación (data da firma das actas de avaliación).

Teñen que residir no noso país e ser maiores de 18 anos.

Como se seleccionan as persoas que van realizar prácticas?

O centro educativo realiza a selección en función do número de mobilidades concedidas. A Deputación de Pontevedra participa tamén neste proceso selectivo.

A selección faise por procedementos equitativos, transparentes e igualitarios baseándose nos seguintes criterios:

  • Cumprimento dos requisitos establecidos no programa Erasmus+ (si/non)
  • Adecuación da titulación e o perfil (30 %)
  • Coñecemento de idiomas no nivel requirido (20 %)
  • Expediente académico (30 %)
  • Méritos (10 %)
  • Entrevista persoal (10 %)

Cantas mobilidades de prácticas se poden realizar como estudante ou persoa recentemente titulada en FP?

Poderá facerse máis dunha mobilidade para estudos ou prácticas pero a duración de todas elas non poderá superar os 12 meses en cada nivel educativo.

Poderanse realizar dúas estancias de prácticas na mesma empresa se se usan fontes de financiamento diferentes?

Realizarase un único período de prácticas, independentemente das fontes de financiamento.

Incumprimento por parte do participante dos termos do acordo "Modelo de convenio de subvención Erasmus Formación Profesional para estudos e/ou prácticas"

No caso de incumprimento de calquera obriga derivada do convenio a institución terá dereito a rescindilo ou cancelalo sen máis trámite legal cando o participante non realice ningunha acción no mes seguinte ao de recepción da correspondente notificación por correo certificado. Así o establece a cláusula 2 (Rescisión do convenio) do anexo II (Condicións xerais) deste convenio.

Se o participante incumpre o establecido no convenio deberá devolver a cantidade da axuda que se lle aboase. Así o establece a cláusula 2 (Rescisión do convenio) do anexo II (Condicións  xerais) do convenio de subvención Erasmus+ Formación Profesional para estudos e/ou prácticas.

Rescisión por parte do participante do acordo "Modelo de convenio de subvención Erasmus Formación Profesional para estudos e/ou prácticas" antes da súa finalización

Se o participante rescinde o convenio antes do seu prazo de finalización deberá devolver a cantidade da axuda aboada. Así o establece a cláusula 2 (Rescisión do convenio) do anexo II (Condicións xerais) deste convenio.

Rescisión ou incumprimento por parte do participante do acordo "Modelo de convenio de subvención Erasmus Formación Profesional para estudos e/ou prácticas" por causa de forza maior

No caso do regreso dun participante antes da data estipulada no seu contrato por unha causa de forza maior, é dicir, unha situación excepcional e imprevisible ou un acontecemento máis alá do control do participante e non atribuíble a un erro ou unha neglixencia pola súa parte, o participante ten dereito a recibir a subvención correspondente á duración da estancia formativa realizada ata o momento da interrupción. Calquera fondo restante deberá ser devolto.

Estas circunstancias de causa de forza maior, unha vez informadas polos participantes,  comunicaránselle desde a Deputación de Pontevedra á Axencia Nacional que xestiona o programa Erasmus+ e será esta a que decida a súa aceptación.

A título informativo son considerados motivos válidos ou de forza maior, cando sexan debidamente xustificados:

  • A enfermidade grave do participante
  • A enfermidade grave ou falecemento dun familiar ata o segundo grao de parentesco, por consanguinidade ou afinidade
  • Unha oferta probada de emprego (contrato de traballo)
  • Unha entrevista probada de traballo

Para que outras causas poidan ser consideradas de forza maior requirirase autorización previa.

O beneficiario achegará no informe final a documentación xustificativa dos motivos que interromperon a estancia. 

Sobre las prácticas

Que duración van ter as prácticas formativas?

Na maioría dos casos un máximo de 194 días, 28 semanas 

Cando empeza a computar o período de prácticas?

O primeiro día de incorporación á empresa ou institución de prácticas. O período formativo comprende desde o primeiro ata o último día de prácticas.

Pode interromperse o período de mobilidade? (vacacións da empresa)

O período de mobilidade pode ser interrompido polas vacacións da empresa se esta pecha durante ese tempo. A axuda mantense durante o referido período. O tempo de peche non computará para a duración mínima do período de formación práctica, que en estudantes de FP ten que ser de 2 meses, pero si conta para a duración máxima por cada ciclo de estudo para o que o mesmo estudante pode recibir bolsas de mobilidade. No caso de estudantes de ciclos medios de Formación Profesional a duración máxima é de 12 meses.

Onde se realizan as prácticas?

Nunha empresa, centro de formación ou institución do estranxeiro. As persoas participantes na mobilidade coñecen o lugar de prácticas antes de iniciar a mobilidade.

Quen elixe a empresa/institución de prácticas?

A organización intermediaria, unha organización no país de destino que lles presta apoio ás persoas en prácticas, é a encargada de seleccionar organizacións de acollida adecuadas para conseguir os obxectivos da estancia segundo as necesidades de cada participante e as súas habilidades lingüísticas, tendo en conta os CV facilitados e a carta de motivación de cada persoa participante.

Que acontece se a empresa cancela as prácticas?

Nese caso a entidade intermediaria buscará outra colocación sen custo adicional. 

Que sucede se o participante considera que as prácticas non son idóneas? (período de adaptación á empresa)

O participante dispón dun prazo de dúas semanas para comprobar a idoneidade das prácticas. No caso de calquera desaxuste a organización intermediaria revisará o contido destas e, se fose necesario, buscaralle ao participante outra empresa na que poida realizar as prácticas.

Que acontece se a persoa en prácticas é expulsada da empresa?

Se a actitude da persoa participante levase á empresa a expulsala esta podería ser excluída do programa, o que suporía o seu regreso inmediato a España, a devolución das axudas recibidas e o pagamento dos gastos ocasionados ata o momento.   

Quen supervisará as prácticas na empresa durante a mobilidade?

Un titor dentro da empresa, que será a persoa de referencia dentro da compañía. Esta persoa é un traballador máis da empresa e, polo tanto, non poderá dedicar a súa xornada exclusivamente á supervisión do participante. 

Por outra banda, a empresa intermediaria e a Deputación de Pontevedra tamén supervisarán que as prácticas se están a desenvolver adecuadamente. 

Cal é o horario de prácticas?

O que estableza a empresa. Non poderá superar a xornada máxima legal de cada país.

Permítense ausencias ás prácticas?

Non se poderá faltar ás prácticas nin un só día de xeito inxustificado.

No caso de enfermidade o participante terá que comunicarllo á empresa de prácticas, se a situación supera os dous días terá que entregarlle un parte médico.

As ausencias inxustificadas poderían levar á expulsión do participante do programa, o que implicaría o seu regreso inmediato a España, a devolución das axudas recibidas e o pagamento dos gastos ocasionados ata o momento.

Incidencias durante as prácticas. Como proceder?

Se xurdise algún inconveniente en referencia ás prácticas que o participante considere que precisa solución deberá informar, en primeiro lugar, o titor da empresa, e, se deste xeito non atopase solución, dirixirase, en segundo lugar, á persoa de contacto da organización intermediaria. En último termo contactará coa Deputación de Pontevedra.    

Pódense ampliar as prácticas na empresa?

Si, pódese solicitar a ampliación. Esta solicitude deberá dirixirse á Deputación como mínimo cun mes de antelación á finalización do período de mobilidade.

A posible ampliación non representará un incremento da subvención concedida.

O período adicional deberá ser inmediatamente posterior ao período de mobilidade en curso.

Coñecemento de idiomas

É necesario un coñecemento mínimo do idioma do país de destino?

Non é necesario; non obstante, a empresa de acollida poderá establecer un nivel mínimo. Hai que ter en conta que un coñecemento básico vai ser necesario para poder desenvolverse no día a día.

Por outro lado, o participante deberá realizar unha avaliación en liña da súa competencia lingüística (ao inicio e ao final do período de mobilidade)  se a lingua principal de ensinanza ou de traballo é alemán, francés, inglés ou italiano, ou cando así se acorde, salvo que sexa nativo da lingua en cuestión.

Que apoio lingüístico ofrece o programa? 

O programa ofrécelles apoio lingüístico aos participantes mediante unha ferramenta en liña: Online Linguistic Support (OLS), dispoñible en alemán, francés, inglés, italiano e neerlandés.

O apoio lingüístico en liña abarca dúas facetas: a avaliación das competencias lingüísticas  (ao inicio e ao final da mobilidade), mediante un test en liña de carácter obrigatorio e a posibilidade de seguir formándose mediante a plataforma durante a mobilidade.

O uso da ferramenta non ten ningún custo para os participantes.

En que idioma se pode realizar o curso en liña de preparación lingüística?

A preparación lingüística pode realizarse na lingua oficial do país de destino ou de traballo dos participantes.

Axudas de mobilidade

Que gastos cobre a axuda de mobilidade?

Cada participante recibe unha axuda de apoio individual destinada a cubrir os gastos de aloxamento e manutención, seguro e transportes locais, e unha axuda para os gastos de viaxe, para o desprazamento de ida e o de volta entre a cidade de orixe e a de destino.

A axuda destinada ao apoio individual calcúlase en función do número de días da mobilidade e en función das táboas establecidas para cada país.    

A axuda para os gastos de viaxe é unha cantidade fixa que se establece en función da distancia en quilómetros desde o punto de orixe ata o de destino.

A axuda de mobilidade pode non cubrir todos os gastos nos que incorran as persoas participantes.

Os importes individuais da axuda detállanse na cláusula 3 do Convenio de subvención Erasmus+ Formación Profesional para estudos e/ou prácticas.

As axudas de mobilidade concedidas ás persoas participantes están financiadas co apoio da Comisión Europea.

Pódese recibir algunha axuda económica por parte da empresa de prácticas?

A empresa de prácticas é libre á hora de decidir pagarlle ao participante algunha axuda económica para sufragar os gastos da estancia.

Esta axuda económica é compatible coa que presta o programa Eramus+.

Otras cuestiones

¿Cómo se reconocen las prácticas realizadas?

Como se recoñecen as prácticas realizadas?

Mediante os seguintes instrumentos de recoñecemento da formación e competencias adquiridas durante a mobilidade:

  • Documento de mobilidade Europass
  • Certificado de fin de estancia na empresa
  • Diploma de aproveitamento de prácticas no estranxeiro expedido pola Deputación de Pontevedra

Como se xestiona o aloxamento no destino e a viaxe?

Son as propias persoas beneficiarias do proxecto as que teñen que responsabilizarse persoalmente de xestionar, reservar e comprar os billetes para os diferentes medios de transporte necesarios para chegar á cidade de prácticas. O mesmo acontece co aloxamento.

Para realizar estes trámites os alumnos disporán de información que lles subministrarán as organizacións intermediarias en destino e a Deputación de Pontevedra.

Que seguro de viaxe me cobre durante a mobilidade?

Para garantir a seguridade cada persoa participante ten que contar cun seguro de viaxe que contemple: gastos médicos, cirúrxicos, farmacéuticos, de hospitalización, de ambulancia, de repatriación ou transporte de feridos, enfermos ou falecidos, de desprazamento dun acompañante e gastos de estancia, de regreso no caso de falecemento dun familiar, de envío de medicamentos, de accidentes, enfermidade, invalidez e responsabilidade civil durante toda a mobilidade.

Ademais, cada persoa participante deberá tramitar a tarxeta sanitaria europea, no caso de ter dereito a ela.

Contacto

Proyecto Practicum Depo
Servizo de Promoción de Emprego e Desenvolvemento Local
Pazo provincial. Avda. Montero Ríos, s/n 36071 Pontevedra
Mailmobilidade.fp@depo.es
Tel.: 986 804 100

Este proxecto foi financiado co apoio da Comisión Europea. Esta comunicación é responsabilidade exclusiva do seu autor. A Comisión non é responsable do uso que poida facerse da información aquí difundida.

ODS NOS QUE TEN IMPACTO