Recepción na Deputación aos clubs de elite femininos da provincia nun “acto de recoñecemento, admiración e agradecemento”

Carmela Silva: “Se hai algo que me faga sentir orgullosa e optimista e que me faga pensar que hai futuro son os éxitos do deporte feminino”

03/05/2022

 

"Un acto de recoñecemento, de agradecemento e de orgullo". Así definiu a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a recepción que a institución realizou aos clubs de elite femininos da provincia no Salón de Plenos do Pazo Provincial. No escenario, en primeiro plano, estiveron a presidenta e unha representación destes equipos formada por Lorena Pérez, capitana do Atlético Guardés, Mica Casasola, xogadora do Club Balonmán Porriño, Ana Rivera, xogadora do Club Poio Pescamar, Sabela Rey, ciclista do equipo UCI do Club Ciclista Farto, e Silvia Aguete, xogadora do Club de Fútbol Marín Futsal e mellor porteira do mundo en 2019. Xuntas falaron dos logros e os retos que teñen por diante as mulleres no deporte e posaron nunha "fotografía feminina" que rompeu coas imaxes que adoitan reflexar os encontros deportivos.

No acto, ao que tamén asistiron directivas e adestradores/as dos equipos, Carmela Silva referiuse aos éxitos do deporte na provincia onde "se hai algo que me faga sentir orgullosa e optimista e que me faga pensar que hai futuro son os éxitos do deporte feminino". Para acadar este horizonte as mulleres tiveron que loitar durante séculos, tal e como relatou a presidenta, que puxo o exemplo dos Xogos Hereos creados por mulleres da Antiga Grecia ou dos Xogos Mundiais Femininos liderados por Alice Milliat e que permitiron ás mulleres participar de pleno nuns Xogos Olímpicos en 1928. "Agora que non pasaron nin cen anos, as mulleres compiten con éxitos clamorosos e fano en todas as disciplinas deportivas e particularmente na nosa provincia, á que dan grandes satisfaccións como acontece cos clubs que hoxe nos acompañan", destacou.

A presidenta referiuse aos logros destes cinco clubs e destacou o "exitazo" e a "fazaña" que acadaron esta fin de semana as xogadoras do Club Balonmán Atlético Guardés ao proclamarse subcampioas da Copa da Raíña. Carmela Silva tamén aclamou os resultados do resto dos equipos e fixo un recoñecemento "a todos os clubs, as directivas e á afección pero sobre todo a vós, ás rapazas que practicades deporte e que facedes que as nenas e mozas teñan grandes referentes". Na súa intervención amosou a súa preocupación "porque haxa tan poucas adestradoras e directivas na elite do deporte así como na organización das competicións", o que impulsou á Deputación a crear unha liña de axudas para a formación de técnicas adestradoras na provincia en distintas modalidades. Neste senso, Carmela Silva deixou claro que "as administracións teñen a obriga de dedicar recursos para mellorar as sociedades nas que viven e non pode haber sociedades mellores se non hai mulleres que participen activamente nelas".

A palabra máis repetida pola xogadoras dos clubs de elite femininos da provincia foi "grazas". Todas elas puxeron en valor tanto as achegas económicas que lles concede a Deputación como homenaxes como a celebrada no Salón de Plenos, que poñen o foco sobre elas. Lorena Pérez destacou que as deportistas femininas "non estamos en igualdade de condicións aínda que estamos mellorando moito. Todos os apoios son importantes". Para Mica Casasola "o deporte está en desigualdade e este é un camiño moi longo por percorrer e por iso é moi importante sentir o voso apoio". Estas palabras foron secundadas por Silvia Aguete para quen "as xogadoras apostamos porque as nenas que veñen detrás teñan referentes femininas e que saiban que poden dedicarse profesionalmente ao deporte". Pola súa banda, Ana Rivera puxo o acento nas posibilidades que teñen hoxe as rapazas do rural para xogar en equipos femininos e reclamou a presenza das mulleres en todos os eidos do deporte como "as directivas ou as presidencias" xa que é "un camiño que nos está costando moito". Esta idea tamén foi compartida por Sabela Rey para quen este percorrido "é unha nova porta para as vindeiras xeracións pero tamén para nós, aínda que queda moito esforzo e traballo". A ciclista falou así do futuro do deporte pero tamén se lembrou "das devanceiras, das nosas nais e avoas ás que se lles prohibiu practicar deporte".

Un forte compromiso co deporte

A Deputación de Pontevedra achega este ano 191.000 euros aos clubs de elite femininos da provincia de Pontevedra e revalida así a súa aposta pola equidade co deporte masculino. Neste senso, xa en 2021 a institución equiparou as contías das subvencións nominativas entre os equipos masculinos e femininos que compiten na mesma categoría.

Galerias de imaxes

audios