Responsabilidade social corporativa

Cohesión Social

Colaboración con empresas de inserción social

Contratación de servizo forestal e medioambiental de mantemento e limpeza do parque do castelo de Sobroso: contrato reservado a programas de emprego protexido

Para un estado óptimo de conservación de parte das 29 hectáreas de finca do castelo de Sobroso é preciso realizar actuacións forestais e medioambientais de roce, limpeza, tratamento de árbores, fertilización e demais que se detallan a continuación: roce manual na contorna do castelo de Sobroso e no patio de armas; limpeza da muralla que rodea o castelo; roce, limpeza e adecuación do sendeiro botánico, as escaleiras e os carteis; tratamento químico no rodal de acacias; limpeza do sotobosque atlántico, comprobación e control das ramas e árbores con perigo de caída nas zonas de maior concorrencia; limpeza de gabias e recollida de follas; arranxo e adecuación das pistas que percorren o parque e a zona de camelias (roza manual das filas de camelias, poda de saneamento, cultural e ornamental eliminando partes secas, malformacións e outros, fertilización).

Para levar a cabo este traballo, o Servizo de Turismo precisou dunha empresa especializada, xa que a Deputación de Pontevedra non conta cos medios técnicos nin humanos necesarios para realizar directamente este traballo.

A contratación realizase a través de empresas de inserción ou centros especiais de emprego mediante contrato reservado, no que só poderán participar programas de emprego protexido.

 

Gratuidade para colectivos en situación de vulnerabilidade

Castelo de Soutomaior

O castelo de Soutomaior, xestionado pola Deputación de Pontevedra, é un dos recursos turísticos da provincia de Pontevedra. Nel ofrécense unha serie de servizos e actividades para promover o coñecemento entre a poboación local, visitantes e turistas.

No caso das visitas, non estarán suxeitos ao pagamento da taxa de entrada os seguintes colectivos, entre outros:

  • Persoas menores de 18 anos de idade
  • Persoas con discapacidade. Tamén poderá acceder de esta mesma forma a persoa que a acompañe, sempre e cando esta sexa imprescindible para a realización da visita.
  • Persoas en situación de desemprego

Os seguintes colectivos terán unha tarifa reducida:

  • Persoas de 65 anos de idade ou máis
  • Membros de familias numerosas, segundo se dispón no artigo 2 da Lei 40/2003, de 18 de novembro, de protección ás familias numerosas, e o Real decreto 1621/2005, de 30 de decembro, que desenvolve a citada Lei
  • Titulares do Carné Xove
  • Grupos organizados formados por un mínimo de 10 persoas

As persoas incluídas nestes colectivos deberán solicitar e acreditar as circunstancias para ter dereito, no seu caso, á excepción do pago da taxa ou á tarifa reducida.

Máis infomración en http://castelodesoutomaior.com

Depotermal 2018

É un programa cuxo obxecto é fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico por medio de movementos de participación e cooperación social que promovan espazos de encontro e intercambio de experiencias, co fin de evitar o illamento e as situacións de soidade que poidan levar á vulnerabilidade.

Poderán beneficiarse do programa todas as persoas empadroadas na provincia de Pontevedra que non padezan ningunha enfermidade ou patoloxía incompatible coa actividade do plan e que cumpran algún dos seguintes requisitos:

  • Nacer antes do 1 de xaneiro de 1968
  • En caso de nacer o 1 de xaneiro de 1968 ou nunha data posterior, ter condición de pensionista
  • En caso de nacer o 1 de xaneiro de 1968 ou nunha data posterior, ter recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %
  • Precisar dun respiro familiar

O programa contempla un número de prazas de reserva subvencionadas dentro de cada modalidade, das que se poderán beneficiar as persoas dos concellos adheridos que cumpran os requisitos establecidos na base segunda, carezan de recursos económicos suficientes para facerlle fronte ao custo do programa e o xustifiquen mediante unha valoración da traballadora ou traballador social dos servizos sociais comunitarios municipais, na que se reflicta esta circunstancia (situación ou risco de exclusión social, escasos recursos económicos e idoneidade do programa para a persoa usuaria solicitante).

Para que neste plan poidan participar todas as persoas que cumpran os requisitos, independentemente da súa situación económica, a Deputación subvencionará prazas nos dous programas nos seguintes termos:

  • No caso do programa de asistencia diaria:
    • Das 1.248 prazas totais ofertadas nesta modalidade:
      • 1.000 prazas: a Deputación subvencionará 40 €: 40.000 €
      • 248 prazas (4 por concello adherido): a Deputación subvencionará 100 €: 24.800 €, para os casos de situación ou risco de exclusión social, escasos recursos económicos e idoneidade do programa para a persoa solicitante
  • No caso do programa con pernoita:
    • Das 3.186 prazas totais ofertadas nesta modalidade:
      • 3.000 prazas: as persoas beneficiarias aboarán a cantidade total
      • 186 prazas (3 por concello adherido): a Deputación subvencionará 200 €: 37.200 €, para os casos de situación ou risco de exclusión social, escasos recursos económicos e idoneidade do programa para a persoa solicitante

Máis información en: /depotermal

Depo Aventura 2018

O programa "Depo Aventura A Lanzada" 2018 ten como obxecto fomentar o desenvolvemento persoal e social das rapazas e rapaces e favorecer a comunicación e o dinamismo multicultural.

Nesta convocatoria poderán participar nenas e nenos que cumpran os seguintes requisitos:

  • Nacer entre 2005 e 2010 (ambos os incluídos)
  • Estar empadroadas ou empadroados na provincia de Pontevedra
  • Non padecer ningunha enfermidade infectocontaxiosa en fase activa

Tratando de chegar a todas as nenas e nenos da provincia, poderán participar menores en situación de tutela ou garda por parte da Administración que se atopen en acollemento residencial nun centro da provincia de Pontevedra.

Tamén poderán participar aqueles que precisen un apoio específico derivado dalgún tipo de diversidade funcional ou doutra patoloxía. Esta circunstancia deberá facerse constar no cuestionario de saúde e autonomía persoal, detallando do xeito máis preciso posible as súas necesidades específicas.

O número total de prazas ofertadas para este programa ascende a 2.200, distribuídas do seguinte xeito:

  • 1.900 prazas que serán adxudicadas polo procedemento xeral, das cales a Deputación subvenciona o 50 % do custo da praza (100 €).
  • 300 prazas que serán adxudicadas polo procedemento específico: prazas de reserva para menores en situación ou risco de exclusión social.
    • 260 prazas de reserva para menores en situación ou risco de exclusión social dos concellos da provincia de Pontevedra (menores dos concellos da provincia de Pontevedra que teñan historia social nos servizos sociais do seu concello como participantes nalgún dos programas e servizos básicos relacionados co artigo 9 do Decreto 99/2012, de 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais e o seu financiamento).
    • 25 prazas de reserva asignadas a menores do Centro Príncipe Felipe, dependente da Deputación de Pontevedra.
    • 15 prazas para menores en situación de tutela ou garda administrativa doutros centros da provincia de Pontevedra.

Co fin de acadar a igualdade de oportunidades, a institución provincial subvencionará o 100 % do prezo da praza para promover a inclusión social das nenas e nenos da provincia de Pontevedra (200 €).

Máis información en: https://www.depo.gal/depo-aventura

En ruta coa Depo 2018

A través deste programa trátase de mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia de Pontevedra, impulsando a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, ofrecéndolle alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia e promovendo rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente nenas e nenos.

Poderán participar neste programa todas as entidades sociais da provincia de Pontevedra, que terán a posibilidade de presentar a súa solicitude de forma conxunta con outra entidade.

Só se concederá unha ruta por entidade e CIF, solicitada de forma individual ou conxunta.

A institución provincial establece a convocatoria de prazas do programa "En ruta coa Depo" 2018 no marco de actividades para os colectivos de entidades de iniciativa social e oferta un máximo de 20.000 prazas, que serán outorgadas segundo a seguinte orde de prevalencia:

  • Entidades sociais inscritas no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos Sociais (RUEPSS)
  • Entidades sociais de colectivos con diversidade funcional
  • Entidades sociais que presenten a súa solicitude de forma conxunta
  • Entidades sociais non inscritas no RUEPSS

Terase en conta a orde de rexistro de entrada das solicitudes.

O programa será cofinanciado pola Deputación do seguinte xeito:

  • As persoas beneficiarias do programa aboarán 12 €
  • A Deputación asumirá a cantidade restante, resultante do prezo de adxudicación (15 € para o ano 2018)
  • Reservarase un total de 400 prazas gratuítas, das que a Deputación asumirá a totalidade do seu custo

Para poder beneficiarse das prazas gratuítas (400), a entidade deberá acompañar a solicitude dunha relación das persoas que a integran, indicando o número delas que, por carecer de recursos económicos suficientes, non poden facerse cargo da achega de 12 € que lles corresponde, ou unha cantidade menor no caso de menores de 12 anos, se a empresa adxudicataria ofertase un prazo máis baixo, e xustificar que estas persoas se atopan nunha das seguintes circunstancias: situación ou risco de exclusión social, escasos recursos económicos e idoneidade do programa para a persoa solicitante, mediante o informe dunha traballadora ou traballador social dos servizos sociais comunitarios municipais ou da traballadora ou traballador social da propia entidade solicitante.

Máis información en: https://www.depo.gal/en-ruta-coa-depo

Cursos de español para persoas inmigrantes 2018

O obxecto desta convocatoria é poñer en marcha tres edicións de cursos de español para persoas inmigrantes, ata un máximo de 60 prazas (20 por edición), para a preparación do DELE (Diploma de Español como Lingua Estranxeira) do nivel A2 do Marco Común Europeo de referencia para as Linguas (MCER) expedido polo Instituto Cervantes.

As e os destinatarios son persoas inmigrantes en situación administrativa regular e maiores de 16 anos que necesiten preparar o exame do DELE A2 para a obtención da nacionalidade española.

Os cursos serán integramente subvencionados pola Deputación, incluído o custo da matrícula do DELE, e impartidos por persoal docente do Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo.

Para poder acceder á matrícula gratuíta do DELE as persoas participantes deberán asistir, polo menos, ao 80 % das clases previas á data de fin de prazo de matrícula para a súa correspondente convocatoria. No caso da 1.ª e 2.ª edición serían as clases anteriores ao 1 de agosto de 2018, e para o alumnado da 3.ª edición serían as clases anteriores ao 3 de outubro de 2018.

Non serán subvencionados os gastos de desprazamento dende a residencia ata os lugares onde se desenvolva cada edición.

O orzamento para esta actividade ascende a un total de 15.000 €.

Máis información en: https://www.depo.gal/curso-de-espanol-para-inmigrantes

 

Voluntariado corporativo

Vacacións con traballo

A Deputación de Pontevedra colabora co programa "Vacacións con traballo" impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que está dirixido ao persoal dos concellos e deputacións socias adheridos ao Fondo.

Os obxectivos son intercambiar coñecementos, fornecer apoio en futuros proxectos de cooperación, dar respostas técnicas, promover un maior e mellor coñecemento da realidade dos países, así como activar fórmulas de cooperación.

Máis información en: https://vacacionscontraballo.wordpress.com/

Última modificación: martes, 28 agosto 2018