Responsabilidade social corporativa

Igualdade

Plan de Igualdade

A Deputación de Pontevedra aprobou o primeiro Plan de Igualdade da institución, o primeiro dunha administración pública española que se elaborou en base a unha auditoría laboral de xénero e que inclúe unha análise exhaustiva da área salarial do persoal baixo a perspectiva de xénero, cumprindo os termos establecidos en todas as recomendacións. Tamén contén todas as medidas que contempla o Pacto do Estado en materia laboral, así como as medidas que o Senado recolleu contra as violencias machistas.

Ten unha vixencia de tres anos e pretende darlle cumprimento á normativa existente no Estado e na lexislación galega, pero ampliando o concepto de discriminación na liña dos obxectivos do Convenio de Istambul.

Este Plan ten por obxectivos promover o principio de igualdade asegurando as mesmas oportunidades profesionais para mulleres e homes; garantir a ausencia de discriminación por razón de sexo, especialmente as derivadas da maternidade, a paternidade, a asunción de obrigas familiares, o estado civil e as condicións laborais; eliminar toda manifestación de discriminación na promoción interna e selección co obxecto de acadar na empresa unha representación equilibrada da muller no cadro de persoal; previr o acoso laboral, sexual e por razón de sexo; promover mediante accións de comunicación e formación a igualdade en todos os niveis da organización; facilitar a conciliación da vida profesional, persoal e familiar; evitar os posibles riscos derivados do traballo nas mulleres en situación de embarazo ou en período de lactación; prestarlles apoio no ámbito laboral ás vítimas de violencia de xénero; fixar obxectivos concretos de igualdade dentro duns prazos de tempo razoables; e establecer sistemas eficaces de control interno e avaliación externa sobre o cumprimento dos obxectivos.

Plan de Igualdade

Guía de linguaxe non sexista

A Deputación de Pontevedra aprobou o primeiro regulamento de comunicación inclusiva, o cal ten por obxectivo a eliminación da linguaxe sexista e discriminatoria da comunicación oficial da Deputación.

É de obrigado cumprimento para todos os órganos, servizos e departamentos da institución provincial, así como para todas as traballadoras e traballadores desta administración, tanto nas actuacións internas como externas.

Ademais, a normativa afectaralle tamén aos estudos, proxectos, programas e traballos que a Deputación de Pontevedra lle encargue a terceiras persoas, entidades ou empresas, que deberán realizarse atendendo ás recomendacións sobre o uso inclusivo da linguaxe escrita e iconográfica contidas neste regulamento, un requisito que se recollerá nas convocatorias e solicitudes dos mencionados traballos.

Do mesmo xeito, tamén os contratos de prestación de servizos asinados pola Deputación con entidades privadas teñen unha cláusula na que se comprometen expresamente a respectar as normas que dispón este regulamento en materia de comunicación inclusiva.

Guía de linguaxe non sexista

Violencia Zero

Este programa inclúe accións artísticas en 25 concellos da provincia que abranguen modalidades artísticas como a poesía, o graffiti, a danza contemporánea, a acción escénica ou a performance a cargo de 25 mulleres artistas de grande relevancia no panorama galego e estatal.

O obxectivo da Deputación de Pontevedra co programa "Mulleres en acción: Violencia Zero" é espallar a loita contra as violencias machistas máis alá dun día e estender este compromiso ao longo de todo o ano.

Para acadalo, a institución provincial quere, a través de "Mulleres en acción: Violencia Zero", dar visibilidade a esta problemática social mediante accións artísticas protagonizadas por mulleres, empoderándoas no eido cultural e artístico.

Ademais, e co obxectivo de concienciar a toda a sociedade pontevedresa sobre o problema social das violencias machistas, as accións realizaranse en contacto directo coa cidadanía, ben en centros escolares, prazas, rúas ou lugares de tránsito, ben da man de asociacións de mulleres, corporacións municipais ou colectivos sociais, culturais ou doutra índole.

Última modificación: martes, 22 outubro 2019