Responsabilidade social corporativa

Medio Ambiente

Erradicación de especies invasoras

A Deputación de Pontevedra decidiu proceder ao alleamento da madeira das especies invasoras situadas nos centros da súa propiedade, atendendo a razóns de protección medioambiental e tamén de beleza paisaxística.

Deste xeito, levouse a cabo a tala dos eucaliptos da finca do castelo de Soutomaior e do castelo de Sobroso, xa que esta especie é invasora e propicia unha serie de consecuencias negativas para as demais árbores e elementos naturais que conviven con ela; asegúrase así a fin da presencia dunha especie non protexida, que esquilma o chan, compite excesivamente tanto pola luz coma pola auga e os nutrientes do solo e que, ademais, polas características combustibles da súa casca e das súas follas, supón un grave risco en caso de incendio, pois provoca que se acelere a propagación do lume.

  • Castelo de Soutomaior. Actuación nas 25 hectáreas de terreo dos xardíns. Elimináronse un total de 300 eucaliptos.
  • Castelo de Sobroso. Actuacións sobre as 18 hectáreas de terreo dos xardíns.

Campaña "Somos historias, somos sostibles"

O Plan estratéxico de turismo da Deputación persegue a mellora da competitividade e sostibilidade do sistema turístico e incide no compromiso co medio ambiente. Entre os retos que este Plan establece, e que debe abordar o Destino Rías Baixas, está o de apostar por un modelo turístico sostible social, económica e ambientalmente. O Destino Rías Baixas precisa dun modelo turístico enfocado a crear un destino sostible mediambientalmente.

Con este obxectivo estase a levar a cabo unha campaña de sensibilización baseada nunha acción participativa na que o público realice actividades simbólicas de recollida de residuos e, a cambio, beneficiarse de diferentes agasallos. Esta campaña trata de concienciar o maior número de persoas da importancia da preservación, coidado e respecto ambiental da nosa contorna. Esta é unha campaña de concienciación ambiental co medio natural e mariño e cos residuos que se producen.

Durante os meses de xullo e agosto estanse a levar a cabo 20 eventos noutros tantos concellos en praias, festivais e festas de interese turístico.

Para a elección das praias buscáronse aquelas galardoadas co distintivo Bandeira Azul en concellos con dúas ou máis distincións. Os festivais onde se desenvolveu esta campaña foron: PortAmérica, AtlanticFest, Sinsal Son, Revenidas, SonRías Baixas, O Marisquiño e Vive Nigrán.

Para a realización da campaña de sensibilización cóntase cos seguintes recursos:

  • Materiais: unha carpa para información e atención das e dos usuarios ou participantes, 50.000 unidades de "Ecolillas" (envases desbotables para cabichas e pequenos residuos fabricados con cartóns ecolóxicos e reciclables), soportes rolling para exposición, urnas transparentes para depósito de residuos dos distintos xogos...
  • Humanos: 3 monitoras ou monitores ambientais, para concienciar e facer participar ás e aos usuarios nas campañas, e 1 persoa responsable para dirixila e canalizala.

Proxectos europeos medioambientais

PROXECTO EUROPEO "Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos" (ESTRAEE)

O proxecto ESTRAEE, liderado pola Deputación e aprobado na 1.ª convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal 2014-2020, conta cun cofinanciamento do 75 % do FEDER e mobilizará máis de 2 millóns de euros no desenvolvemento de toda unha estratexia de economía circular para a provincia de Pontevedra e o norte de Portugal coa análise do ciclo de vida das diferentes tipoloxías de residuos e a adaptación de puntos limpos dos concellos da provincia e do norte de Portugal para a xestión dos RAEE.

Con este proxecto acondicionaranse os puntos limpos dos concellos da Guarda, A Lama, Gondomar, Meaño, Nigrán, Ponteareas, Silleda e Vilagarcía de Arousa, así como da Mancomunidade de Concellos do Morrazo.

Máis información en: https://www.depo.gal/estraee

Última modificación: mércores, 05 setembro 2018