Degusta Europa

Degusta Europa 2019

O programa Degusta Europa, con degustacións culinarias en distintos mercados da provincia, naceu en 2016 con motivo do Día de Europa, que conmemora os principais valores da UE: a paz, a estabilidade, a solidariedade e a unidade do continente. A Deputación de Pontevedra defende a súa necesaria reivindicación para manter o proxecto europeo común e, ao mesmo tempo, revalorizar a gastronomía e impulsar os mercados provinciais e a materia prima da provincia de Pontevedra.

A través de Degusta Europa preténdese promover e potenciar o local e autóctono: os mercados municipais e os excelentes produtos da nosa terra, que se deben converter tamén nun polo de atracción para as e os turistas. Este programa dá a coñecer, ademais, o labor do alumnado de dúas das escolas de hostalería máis importantes da nosa provincia: os centros Manuel Antonio, de Vigo, e Carlos Oroza, de Pontevedra.

Na primeira edición, en 2016, organizáronse actividades en diferentes mercados da provincia nas que o alumnado adaptou pratos inspirados en Europa e elaborados con ingredientes das Rías Baixas. En 2017 mantívose o xerme do programa, pratos elaborados con produtos da provincia de Pontevedra cos camiños xacobeos como fonte de inspiración. Na edición de 2018 partiuse dos mesmos produtos de máxima calidade para elaborar pratos que beben da tradición do patrimonio da provincia, en consonancia coa campaña de promoción "Somos historias".

Este ano Degusta Europa está vinculado á campaña "Fame de experiencias?", que potencia a enogastronomía; pretende, como cada ano, dinamizar os mercados municipais dándolles un toque de innovación e vangarda. En todas as actividades o alumnado dos dous centros traballará con produtos das nosas rías e da nosa terra para elaborar unha serie de tapas inspiradas na temática europea.

Elaboracións do CIFP Manuel Antonio

Elaboracións do CIFP Carlos Oroza

 

Última modificación: luns, 01 abril 2019

02-04-2019 O Grove