Exposición “Tecendo a natureza. Enrique Táboas”

Exposición cestos
Desde 06/02/2020 ata 29/02/2020
Pazo provincial. Pontevedra

Enrique Táboas, mestre cesteiro, fillo e neto de cesteiros de Mondariz, é o último do seu oficio traballando con madeira que mantén un obradoiro aberto en Pontevedra.

Nesta mostra achegamos unha representación de pezas de cestería de madeira rachada da súa autoría, coas que faremos un pequeno percorrido por esta artesanía e os seus usos.

Con ela non só pretendemos poñer en valor ao artesán, amosar as técnicas empregadas e rememorar a historia dun oficio, senón, principalmente, espertar o interese das novas xeracións de pontevedresas e pontevedreses para que este patrimonio non se perda.

Como persoas consumidoras, e tamén como posibles futuras e futuros artesáns, está nas nosas mans que este oficio milenario viva na nosa terra mil anos máis.

Dado o carácter especial dos materiais que se expoñen, que se poden tocar, esta mostra poderán visitala persoas cegas ou con deficiencias visuais de todas as idades. Con este obxectivo, estableceuse unha colaboración coa ONCE en Pontevedra que nos permite dispoñer de textos en braille e ter en conta consideracións necesarias á hora de preparar o deseño da exposición para proporcionarlles unha visita de mellor calidade e máis cómoda.

Información
  • Horario: de luns a venres de 8 a 20 h
  • Inauguración: xoves 6 de febreiro, ás 11:30 h