Axenda de actividades provinciais

Noites de Música Antiga

2022-07-08 21:00:00.0
Ruínas de San Domingos
Noites de Música Antiga

As Ruínas de San Domingos acollerán unha nova edición do xa tradicional ciclo ‘Noites de Música Antiga’ organizado polo Museo de Pontevedra dende 2009. Os venres 8 e 15 de xullo ás nove da noite a música volverá soar entre as bóvedas, as arquerías e os muros da construción máis antiga da institución a cargo dos grupos ‘La Liason’ e ‘Musicantes’, que ofrecerán sendos programas con pezas moi variadas.

Información

O grupo ‘La Liaison’, integrado por Sergio Heredia Cegarra (violín barroco), Arquímedes Artal Moreno (viola de gamba) e Marta López Fernández (clave), pretende transmitir ás persoas asistentes as sutilezas propias do son rico e complexo dos seus instrumentos e da música composta para eles, sendo moi “amada” na corte francesa do rei Luís XV.

As creacións que interpretarán buscan combinar os matices máis delicados e as articulacións máis refinadas cunha gran flexibilidade dinámica e unha gran potencia expresiva e recrean o que puido ser a atmosfera sonora  da música de cámara no Barroco, “tan afastada das masas orquestrais e os limiares de ruído do mundo actual”.

O grupo, que estará en Pontevedra o día 8 ás 21h, especializouse nas mellores escolas europeas coas e cos intérpretes de máis fama dos seus respectivos instrumentos e teñen xa unha recoñecida traxectoria con diversas formacións dedicadas á música antiga.

Entrada libre ata completar cabida