Axenda de actividades provinciais

Noites de Música Antiga

2022-07-15 21:00:00.0
Ruínas de San Domingos
Noites de Música Antiga

As Ruínas de San Domingos acollerán unha nova edición do xa tradicional ciclo ‘Noites de Música Antiga’ organizado polo Museo de Pontevedra dende 2009. Os venres 8 e 15 de xullo ás nove da noite a música volverá soar entre as bóvedas, as arquerías e os muros da construción máis antiga da institución a cargo dos grupos ‘La Liason’ e ‘Musicantes’, que ofrecerán sendos programas con pezas moi variadas.

Información

A formación ‘Musicantes’ xorde por inquietude das e dos seus membros, buscando profundar no estudo e interpretación da música medieval. Os instrumentos utilizados (cítola, laúde medieval, guiterna, laúde árabe, rabel, salterio, chicotén, viola de roda ou zanfona, percusión, frautas, gaitas, chirimía, viola e fídula), son reproducións de instrumentos da época, inspirados na iconografía existente no estado.

As e os seus compoñentes contan cunha profunda experiencia no campo da música antiga, colaborando con agrupacións como o Grupo Nuba, Eduardo Paniagua, Kaléndula, Colegium Vocale de Madrid, Judit Cohen, Angel Carril, Eliseo Parra, Klezmer Sefardí, etc. O seu repertorio abarca desde o século XIII ao XV (música monódica da Idade Media, polifonía do Ars Nova e comezo do Renacemento) e está formado por Cantigas de Santa María, Llibre Vermell de Monserrat, Danzas francesas, inglesas e italianas, estampidas, saltarellos, queixumes, música sefardí e andalusí.

Entrada libre ata completar cabida