Mulleres en accion violencia cero 2019-2020

"Mulleres en acción: Violencia zero" 2019-2020

Tras 85 accións artísticas por toda a provincia, que visibilizaron a case un centenar de artistas e implicaron a milleiros de persoas, o programa "Mulleres en acción: Violencia zero" chega este 25 de novembro á súa 5.ª edición. Catro anos despois, con responsabilidade e emoción, facemos balance e volvemos ás raíces, á semente: a arte contemporánea como axente mobilizador de consciencias.

Empeza dunha forma moi especial: catro das performers máis recoñecidas do panorama nacional, que xa participaron nas anteriores edicións, accionarán xuntas nos actos de apertura de Pontevedra e Vigo. ANA GESTO (Santiago de Compostela), MARÍA MARTICORENA (Carballo), ANA MATEY (Madrid) e ISABEL LEÓN (Granada) realizarán dúas accións colectivas inaugurais para facer unha sorte de homenaxe a todas as artistas que pasaran por este programa e, en definitiva, traballan día a día en prol da igualdade.

Volvemos así ás raíces: a performance. Así mesmo, o programa desenvolverá 25 novas accións participativas ao longo dos 12 meses do ano, en 25 concellos da provincia, e sumará outras disciplinas:

  • Poesía e literatura (Nuria Vil e Vanessa Glemel, Rosalía Fernández Rial, Silvia Penas e Lúa Mosquetera)
  • Música (Pauliña, Zeltia, Laura LaMontagne, Las Antonias, DJ Russinha e Somdolilá)
  • Graffiti (Laura Tova, Ana Santiso, Iria Prol e Julieta XLF)
  • Danza contemporánea (Elahood Dance, Rut Balbís, Cris Vilariño e Ana Serantes)
  •  Acción escénica (Mónica Sueiro, Estíbaliz Veiga, Sheyla Fariña, Carmen Méndez e Diana Sieira, esta última na modalidade de monólogo mesturado con poesía).

Todo un ano visibilizando esta realidade en contacto e colaboración coa mocidade, co alumnado de centros escolares, asociacións de mulleres, diversos colectivos, corporacións municipais e toda a diversidade de públicos que se poden focalizar nunha praza, nunha rúa, nun lugar de tránsito. E a través do apoderamento da muller no eido cultural e artístico.

Esta 5.ª edición supón a consolidación dun programa que, alén da Deputación de Pontevedra, que o promove e organiza, xa é da cidadanía, enche a rúa de reivindicación e activismo e propaga a nosa semente de igualdade.

Pontevedra 25-11-2019