Plan Activamos

Plan Reactivación Pontevedra. Covid-19

A Deputación de Pontevedra e ABANCA subscriben o lanzamento do Plan Reactivación, unha iniciativa que lle dá continuidade e un novo impulso ao Plan Activamos que ambas as dúas entidades aplicaron nos últimos anos para promover o desenvolvemento socioeconómico da provincia a través da concesión de financiación en condicións preferentes a diferentes colectivos.

A través do Plan Reactivación Pontevedra, ABANCA pon á disposición das súas beneficiarias e beneficiarios diferentes produtos financeiros deseñados para darlles resposta ás necesidades das familias, as pemes, as persoas autónomas e as corporacións locais. A súa filosofía de máxima facilidade de acceso ao crédito tradúcese na ausencia de comisións por estudo, amortización ou cancelación anticipada, na existencia de amplos prazos de amortización e na posibilidade de acollerse a períodos de carencia en determinados casos.

No caso das pemes e persoas autónomas, o Plan Reactivación préstalles especial atención ás necesidades de financiamento a curto prazo destas. O catálogo de produtos inclúe dúas pólizas de crédito, unha delas de carácter especial destinada a cubrir as necesidades de circulante derivadas da crise da COVID-19. Outras finalidades contempladas son a creación de novos negocios, a realización de novos investimentos, o fomento da eficiencia enerxética e a dixitalización.

Os produtos para familias están orientados á adopción de enerxías renovables, a mellora enerxética e de accesibilidade no fogar, a dotación tecnolóxica e a mellora da habitabilidade no medio rural. As corporacións locais contan con financiamento para a realización de investimentos, circulante, avais e confirming.

Última modificación: venres, 12 xuño 2020