Xacementos galaico romanos

Posta en valor dos xacementos galaico-romanos da provincia de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra intervén, durante o ano 2016, na recuperación de 18 xacementos arqueolóxicos da provincia en virtude do protocolo que asinou o 14 de marzo de 2015 co Ministerio de Fomento para poñer en valor o patrimonio galaico-romano.

O protocolo ten por obxectivo a recuperación dos xacementos galaico-romanos da provincia, concibidos como un importante instrumento de dinamización socioeconómica, cultural e turística. O programa integral inclúe desde labores de limpeza, mantemento e escavación ata actividades de promoción, creación de ambientes museográficos e o rexistro dixital dos xacementos en 3D.

A Deputación de Pontevedra encárgase dos labores de limpeza e de recuperación dos xacementos; o Ministerio de Fomento, da restauración, sinalización e musealización. Para esta última tarefa convocou un concurso público de ideas con xurado e premios.

A recuperación dos xacementos da provincia permitirá mellorar a comprensión da dinámica socioeconómica de Galicia na antigüidade, así como ofrecer unha explicación da articulación territorial que permanece desde a Idade de Ferro ata a tardorromana. Tamén contribuirá á ampliación da oferta turística, tanto á desestacionalización coma á captación de novos turistas potenciais, especialmente en mercados estranxeiros, a través dunha oferta cultural innovadora.

Última modificación: venres, 12 febreiro 2016