Xogar sen fendas

Xogar sen fendas

"Non hai nada que os seres humanos fagan, saiban, pensen, esperen ou teman que non fose experimentado, practicado ou polo menos anticipado, durante a etapa do xogo na infancia"
Heidi B. Crecelius

A través do xogo nenas e nenos desenvolven o vocabulario e a comprensión da linguaxe; estimulan a atención e a concentración, a imaxinación e a curiosidade, a empatía e a interacción social.

Os xoguetes son decisivos durante a infancia na construción da identidade de mulleres e homes, así como na reprodución de roles e estereotipos de xénero que levan a unha persoa a decidir a profesión á que dedicará a súa vida e o lugar que desexa ocupar na sociedade.

Cando se regala un xoguete, a nena ou o neno recibe unha proxección do que poderá ser o seu futuro; xa que por medio do xoguete se visualiza, nunha idade adulta, conducindo un coche de carreiras, conquistando países, descubrindo un gran invento, impoñendo orde e lei, curando enfermidades, cociñando ou coidando un bebé. Aí comezamos a xerar as fendas que no futuro resultan devastadoras, porque "colocan" a nenas e nenos en roles sociais asimétricos e de moi diferente valor social.

Un xoguete sexista abre así unha fenda que se fará cada vez máis grande e que marcará o futuro de nenas e nenos, dirixíndoos, sen que apenas se dean conta, ao lugar que van ocupar na sociedade.

Evitalo é garantir un futuro igualitario e xusto para unhas e para outros e é crear futuro.

O concepto da campaña é "Xogar sen fendas"; é labor de todas e todos tentar que esas fendas que se empezan a formar nos primeiros anos de vida non se produzan, xa que, co tempo, acaban sendo irreparables.

Máis concretamente, esta campaña céntrase na profunda fenda que existe na nosa sociedade no campo dos estudos científicos, de investigación e tecnolóxicos, onde as mulleres teñen pouca presenza, e que representan, a día de hoxe, o futuro dos máis importantes avances da sociedade. Se as mulleres están fóra delas estarano tamén do futuro. Un futuro no que teñen —temos— que estar obrigatoriamente.

Esa fenda tan evidente que existe na ciencia entre mulleres e homes empeza no colexio e nos primeiros xogos. Está no imaxinario colectivo. Resulta habitual escoitar que as mulleres que chegaron a ser grandes científicas é porque "se esforzan moito", en cambio os mozos chegan "porque son moi brillantes". A sociedade segue pensando que as carreiras técnicas non son para as mulleres, e o estereotipo, como é habitual, acaba por converterse en realidade.

Faise imprescindible actuar desde a educación, cun cambio de pensamento que corrixa o problema desde a base, mediante accións concretas e programadas.

Hai numerosos estudos que demostran que desde os seis anos, debido á contorna social, as nenas van acumulando inseguridades para dedicarse a carreiras STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas).

E, precisamente, é o sector onde se vai a exercer o poder no futuro e onde as mulleres van estar infrarrepresentadas. Se non hai mulleres no ámbito tecnolóxico, tampouco haberá mulleres que tomen decisións.

Por iso, xogar sen fendas, é crear futuro.

Descargas

Vídeos

Xogar sen fendas