Escola de Igualdade María Vinyals

 

Xornada Fóra de Plano: as Mulleres no Audiovisual

  • Xoves 10 de decembro de 2020 ás 11 h 
  • Xornada a través de Zoom (streaming a través de redes sociais e da web depo.gal)
  • Deputación de Pontevedra e asociación CIMA

Desde a área de Igualdade da Deputación de Pontevedra, en colaboración coa área de Cultura e coa CIMA (Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais, unha asociación profesional de carácter estatal que traballa en prol dunha presenza igualitaria de cineastas e profesionais do sector audiovisual), presentamos unha xornada de debate e reflexión sobre a situación da muller no eido do cinema e da produción audiovisual, desde a Escola de Igualdade María Vinyals.

Co gallo da presentación do informe anual da CIMA, que analiza os datos estatísticos da presenza da muller no sector audiovisual de España, propoñemos unha xornada que poña o foco non só sobre a situación nacional senón sobre a galega, que aínda que presenta unha realidade menos dramática de desigualdade está lonxe dunha paridade real.

En colaboración coa asociación CIMA, e convidando a profesionais galegas que colaboraron coa Deputación en diversos proxectos, debateremos o presente e o futuro dun sector estratéxico en auxe da cultura galega.

Así, a xornada Fóra de Plano: as Mulleres no Audiovisual fai alusión á invisibilidade e á infravaloración das mulleres profesionais nun eido onde amosan cada vez máis talento, desenvolvendo proxectos con valores e transcendencia e cunha forte implicación social.

Queremos poñer o foco nas mulleres do audiovisual e facelas entrar no plano, que tamén lles pertence por dereito: acabouse estar fóra de plano.

Programa

  • 11:00-11:20 h. APERTURA DA XORNADA E PRESENTACIÓN DOS PREMIOS #MULLERESNOFOCO
    • Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
    • Cristina Andreu Cuevas, presidenta da asociación CIMA
  • 11:20-12:00 h. PRESENTACIÓN  DO INFORME CIMA
    • Sara Cuenca, socióloga e investigadora responsable do informe CIMA 2019. Presentación do Informe
    • Chelo Loureiro, vogal da asociación e representante en Galicia. Contraste dos datos nacionais cos datos en Galicia
  • 12:00-13:30 h. MESA DE DEBATE: ONDE ESTAMOS AS MULLERES NO AUDIOVISUAL? CUESTIÓN DE PLANO
    Relatoras:
    • Beli Martínez, produtora audiovisual e representante do proxecto Cinema e Muller da Deputación de Pontevedra
    • Mónica Camaño, actriz e unha das protagonistas de Nación, un dos filmes patrocinados desde "Pontevedra, plató de cinema 2020", e actriz secundaria en María Solinha tamén patrocinada pola Deputación de Pontevedra
    • Noemí Chantada, realizadora audiovisual e fundadora de Islandia Producciones e directora da curta Sorrisos transformadores da Deputación de Pontevedra
    • Modera: Chelo Loureiro, directora de Abano Producións e representante en Galicia de CIMA

Complemento da xornada (en liña)

Como complemento en liña, a Deputación de Pontevedra ofrecerá as persoas participantes na xornada unha selección de curtametraxes con perspectiva de xénero, que estarán dispoñibles dende o día 10 ata o 13 de decembro, ambos incluídos.

O código de acceso facilitado pola institución para o público da xornada "Fóra de Plano: as Mulleres no Audiovisual" é persoal e intransferible, unicamente para o visionado online das curtametraxes seleccionadas durante os días 10, 11, 12 e 13 de decembro de 2020. A descarga, gravación e/ou distribución das obras sen autorización das persoas titulares dos dereitos constitúe un delito

Relatoras

Última modificación: venres, 04 decembro 2020