Xornada: Libres? A Cousificación do Corpo das Mulleres
- Lugar de realización: Deputación de Pontevedra
- Formato: xornada a través de Zoom, RR. SS. (streaming a través da web depo.gal)
- Data: xoves 12 de novembro de 2020, ás 9:30 horas
O xoves 12 de novembro en horario de mañá, dentro da programación do segundo semestre da Escola de Igualdade María Vinyals, levarase a cabo a xornada: Libres? A Cousificación do Corpo das Mulleres.
Este ano, debido ás consecuencias da COVID-19, tivemos que reformular o formato da formación e cambiar a nosa sede do castelo de Soutomaior polo método en liña.
A xornada vai dirixida ao persoal da Administración local, persoal dos centros de información á muller (psicólogas, avogadas, traballadoras sociais, axentes de igualdade…), xornalistas e persoas que traballan na loita pola igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e contra a violencia machista.
Coa realización desta xornada búscase profundar na orixe da desigualdade estrutural entre mulleres e homes, dos factores que favorecen a naturalización e validación das diferentes violencias machistas e da falla de liberdade das mulleres; desmontar a falacia da libre elección no "novo" marco de actuación e o estado actual ao que nos enfrontamos.
Programa
- De 9:30 h a 9:45 h: apertura da xornada e benvida a cargo de Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra
-
De 9:45 h a 10:45 h: "Violencia contra as mulleres: entre a negación e a banalización"
Relatora: Carmen Delgado Álvarez, profesora de Metodoloxía da Investigación na UPSA (Salamanca). Pertence á Rede Académica Internacional de Estudos de Prostitución e Pornografía (RAIEPP) -
De 10:45 h a 11:45 h: "Pornografía. O pracer do poder"
Relatora: Rosa Cobo Bedía, doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía, profesora titular de Socioloxía de Xénero da Universidade da Coruña e directora de Atlánticas. Revista Internacional de Estudos Feministas da mesma universidade - De 11:45 h a 12:00 h: pausa
-
De 12:00 h a 13:00 h: "Cambiar as imaxes para cambiar o mundo"
Relatora: Yolanda Domínguez, artista visual, experta en comunicación e xénero, máster en Arte e Novas Tecnoloxías, columnista no Huffington Post España -
De 13:00 h a 14:00 h: "Normalización da cousificación do corpo das mulleres nos medios de comunicación"
Relatora: Ana Bernal-Triviño, doutora e licenciada en Xornalismo e mestrado en Historia da Arte pola Universidade de Málaga. Profesora e investigadora na Universitat Oberta de Catalunya, xornalista e columnista en Público e El Periódico e colaboradora en La hora de La 1 en TVE
Coordina e conduce a xornada Silvia Pérez Freire, doutora en Socioloxía, profesora asociada da Universidade de Vigo e investigadora social especializada en violencia de xénero.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse e posteriormente recibirán a ligazón para acceder á xornada mediante a plataforma Zoom.
Ao remate de cada unha das intervencións abrirase unha quenda de preguntas coordinada pola moderadora para que as persoas inscritas poidan formular a cada relatora cuestións que consideren relevantes a través do chat.
Relatoras




Silvia Pérez Freire

Silvia Pérez Freire é doutora en Socioloxía especializada en Violencia de Xénero desde hai 17 anos. Imparte docencia na Universidade de Vigo e traballa como consultora científica desde o 2007.
Participou activamente en numerosos estudos entre os que dirixiu: "Análise e diagnóstico da situación das mulleres vítimas de violencia de xénero cun trastorno aditivo activo" (2017-2018), financiado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia; "Diagnóstico do hábitat e da convivencia igualitaria na cidade de Ourense" (Concello de Ourense, 2019).
Publicou 11 libros e uns vinte artigos vinculados á prostitución. Entre os máis relevantes podemos citar Informe do estudo exploratorio da trata de persoas en Galicia (Xunta de Galicia, 2013) e a tese Vitimización da trata sexual: imaxinarios e invisibilización (Ministerio de Presidencia, 2019), ambos os dous se poden descargar de maneira gratuíta en internet.
Ana Bernal-Triviño

Ana Bernal-Triviño. Doutora e licenciada en Xornalismo e mestrado en Historia da Arte pola Universidade de Málaga (UMA), é profesora e investigadora na Universitat Oberta de Catalunya (UOC), xornalista e columnista en Público e El Periódico e colaboradora en La hora de La 1 en TVE.
O seu permanente interese en coñecer formas de comunicar máis próximas á sociedade levou a que as súas investigacións como doutora estivesen dirixidas ao uso das redes sociais e do xornalismo móbil e a ética. Como xornalista centrouse na defensa dos dereitos humanos e, con especial atención, nos dereitos humanos da muller.
Grazas aos seus artigos, algúns medios como La Marea, El Español ou SModa recoñecérona como unha das xornalistas que máis contribuíu á revolución feminista. En 2017 expuxo no Congreso dos Deputados un informe sobre o tratamento mediático do caso Juana Rivas. Polo seu traballo a favor dos dereitos humanos e en defensa dos dereitos da muller recibiu o Premio Solidariedade do Instituto dos Dereitos Humanos de Cataluña, Premio La Buena Prensa, o Premio da Comunicación non Sexista da Asociación de Mulleres Xornalistas de Cataluña, Premio Caleta da Subdelegación do Goberno de Málaga, o Premio Farola do Instituto Andaluz da Muller e o Premio Emilio Castelar. Tamén participou no traballo de base dos dereitos da muller para o Plan de dereitos humanos de Cataluña. Publicou Cómo informar e informarse sobre violencia machista e, máis recentemente, No manipuléis el feminismo: una defensa contra los bulos machistas (Espasa).
Rosa Cobo Bedía

É profesora titular de Socioloxía do Xénero da Universidade da Coruña. Dirixe o máster en liña sobre Igualdade e Equidade no Desenvolvemento organizado por Cooperación e a Universidade de Vic. Dirixe o Curso de Historia da Teoría Feminista na Universidade da Coruña. É directora de Atlánticas. Revista Internacional de Estudos Feministas da Universidade da Coruña.
O seu último libro publicado é Pornografía. El placer del poder, da editorial B (edicións B) 2020.
Entre os seus libros cómpre destacar:
- La prostitución en el corazón del capitalismo, Libros de la Catarata, 2017
- Hacia una nueva política sexual, Libros de la Catarata, 2011
- Fundamentos del patriarcado moderno, Jean Jacques Rousseau (Cátedra), 1996
- Educar en la ciudadanía. Perspectivas feministas, Libros de la Catarata, 2008
- Interculturalidad, feminismo y educación, Libros de la Catarata, 2006
- Las mujeres españolas: lo privado y lo público, CIS, 1992
Dirixiu un proxecto nacional sobre prostitución e políticas públicas financiado polo Instituto da Muller. Impartiu cursos e conferencias sobre teoría feminista en España e en case toda América Latina.
Recibiu o Premio Carmen de Burgos, outorgado pola Universidade de Málaga, por un artigo publicado en 1997.
En 2017 recibiu tamén, na súa V edición, o Premio á Igualdade Ernestina Otero, concedido polo Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo. Foi galardoada co Premio do Club das 25, en 2017, pola súa defensa da perspectiva feminista na vida académica e pública. No ano 2018 a Tertulia Feminista Les Comadres, de Asturias, outorgoulle o Premio Comadre de Ouro.
Carmen Delgado Álvarez
Asturiana de Xixón, estudou Psicoloxía en Salamanca e alí realizou a súa carreira académica ata a actualidade con algunha paréntese na Universidade Centroamericana do Salvador. É profesora de Metodoloxía da Investigación na UPSA (Salamanca) e a súa principal liña de investigación é a violencia contra as mulleres baixo múltiples manifestacións. Dirixiu o posgrao Intervención Multidisciplinar en Violencia de Xénero e realizou diversas publicacións sobre a violencia na parella e sobre o sistema prostitucional. Pertence á Rede Académica Internacional de Estudos de Prostitución e Pornografía (RAIEPP).
Yolanda Domínguez

Estudou Administración e Dirección de Empresas e Belas Artes na Universidade Complutense de Madrid e conta co Máster en Arte e Novas Tecnoloxías pola Universidade Europea de Madrid e co Máster en Fotografía pola Escola de Fotografía EFTI de Madrid. Foi bolseira do Ministerio de Cultura de España e premiada por institucións coma a Unión de Xornalistas Valencianos e o Design Museum de Londres.
Algún dos seus traballos máis coñecidos é Poses, unha acción na que varias mulleres imitan as poses absurdas coas que se representan as mulleres no mundo da moda e causa todo tipo de reaccións de alarma; a súa acción colectiva Rexistro na que mulleres de toda España se mobilizaron para acudir en masa aos rexistros da propiedade para solicitar a propiedade do seu corpo, a raíz do anteproxecto da Lei do aborto; a contracampaña "Accesorias e accesibles", en protesta por un anuncio sexista dunha famosa marca de lentes que logrou a retirada do anuncio e que a marca cambiase de axencia de publicidade; e "Nenos vs. moda", na que un grupo de nenos comenta as campañas de moda dos últimos anos desvelando a violencia implícita que existe cara á figura feminina.
Compaxina a súa vida artística co ámbito educacional. Imparte conferencias e obradoiros en universidades e institutos de todo o mundo nos que analiza a importancia das imaxes na construción da nosa identidade e dá pautas para utilizalas dunha maneira comprometida coa igualdade.
É columnista no Huffington Post España, onde escribe semanalmente sobre a representación do xénero nos medios. Traballou para ONG e institucións benéficas coma Greenpeace ou Médicos do Mundo e colabora habitualmente con organismos gobernamentais creando campañas específicas.
Última modificación: martes, 10 novembro 2020
Vídeo